Cultura

Cando a máquina do tempo existe: as 'filmersións' pioneiras na Galiza

O proxecto Camiño Inmersivo, cun micromecenado aínda aberto, quere traer á Galiza unha experiencia pioneira de "filmersión" na que o público protagoniza o relato, coa interacción como eixe fundamental. Unha idea que a Covid-19 non logrou tombar que se presenta cun gran potencial para redescubrir os espazos rurais.
A máquina do tempo transporta o público ao pasado (Microsoños).
photo_camera A máquina do tempo transporta o público ao pasado (Microsoños).

"Construír unha máquina do tempo" é o título co que se anuncia na plataforma dixital de micromecenado Verkami o último proxecto de Microsoños, Camiño Inmersivo, unha experiencia de cinema inmersivo na que o público se converte en protagonista. Mais que é iso de cinema inmersivo? O concepto vén do teatro, trasladado tamén á sétima arte alá polo ano 2010.

O director, Iago de Sant, explica a Nós Diario que contra 2007 comezou a cavilar na idea, mais pensando "algo que xa estaba feito", brinca. As súas investigacións fóronse centrando devagar en crear un concepto "máis xenuíno dentro do novidoso, que tivese sentido por si mesmo".

Así chegou ao que chaman "filmersión", unha experiencia anterior á película como resultado na que a persoa espectadora ten a posibilidade de se ver rodeada do mundo ficcional. "Habitas o filme realmente", explica o realizador. Atopámonos así ante unha sala de cinema de dimensións expandidas no plano físico e psicolóxico.

"Dentro dese mundo estás caracterizado, como no Arde Lucus ao grande", explica de Sant

"Dentro dese mundo estás caracterizado, como no Arde Lucus ao grande", explica de Sant, mais con "todas as persoas comprometidas con vivir a historia". Para isto, a presenza da cámara resulta tamén fundamental, pois o feito de filmar leva a que a xente "se meta máis na historia".

O labirinto temporal

A primeira aventura pon o foco nunha equipa de científicas que están a construír unha máquina do tempo. Nun futuro remoto hai unha enfermidade que fai esquecer o pasado: o "Esquecemento Branco". Unha das poucas que aínda pode lembrar é Samsara, unha viaxeira que visita lugares do pasado para documentar momentos da historia dos que non fican rexistros.

A súa vindeira misión lévaa ao noso tempo, onde descobre a necesidade de indagar máis sobre o primeiro peregrino: o rei Afonso II. Privada do seu transporte, infíltrase nunha comunidade científica que traballa na construción dunha simulación de máquina do tempo, procurando que se transforme en auténtica.

Co gallo esencial de "habitar a historia creamos relatos orixinais", di de Sant, nos que dentro do propio guión se contempla un espazo para a improvisación baseada na interacción

Co gallo esencial de "habitar a historia creamos relatos orixinais", di de Sant, nos que dentro do propio guión se contempla un espazo para a improvisación baseada na interacción. Trabállase así para que as actrices e actores poidan entrar e saír do texto sen dificultades, creando, por exemplo, novos diálogos. A maneira na que o público se introduce na historia inmersiva é orgánica, pouco a pouco, e resulta moi importante "que o xogo estea presente", para recuperar ese espírito das crianzas, tamén en nós, de "imaxinar outros mundos".

Fronte á Covid-19

Após tres anos traballando neste proxecto, a chegada da Covid-19 non logrou paralizalo e só modificou relativamente algúns aspectos. "Ao final non mudamos tanto como puidese parecer", comenta de Sant. Así, o uso de máscara contémplase dentro da trama como unha das condicións para realizar con seguridade a viaxe ao pasado, do mesmo modo que a necesidade de manter unha distancia co resto das participantes. "Non fai falta falar do coronavirus, senón das leis para que o espazo tempo non se modifique", di o director.

"Non fai falta falar do coronavirus, senón das leis para que o espazo tempo non se modifique", di o director.

"O fundamental é harmonizar as interaccións", explica, e nese senso perciben máis como atranco "o mal uso da tecnoloxía, estar demasiado pendente do móbil". Ollo, porque na viaxe no tempo non se poden levar estes dispositivos, ou "estouparía a máquina", advirte de Sant. Con todo, esta premisa non exclúe o uso de tecnoloxías fóra da experiencia en si, por exemplo, mediante a presentación das personaxes a través das redes sociais para espertar o interese da xente.

Turismo e patrimonio

Camiño Inmersivo pretende funcionar ademais como ferramenta para dinamizar as áreas menos turísticas do territorio. "Iso foi un gran descubrimento, aínda estamos dándonos conta de todo o potencial que ten", apunta o realizador. En Rábade, na lagoa do Rei, decatáronse de como podía funcionar, permitindo conectar co lugar dunha maneira totalmente distinta. "Coñécelo ou redescúbrelo, cobra unha maxia que estaba aí", acrecenta de Sant. Mediante o propio guión pódense introducir, alén de elementos da ficción literaria ou cinematográfica, do acervo oral e patrimonial, mais o obxectivo último é a conexión co espazo desde unha perspectiva vivencial moi diferente, que se desenvolverá en distintos puntos da Galiza polos que pasa o Camiño de Santiago.

Comentarios