XV edición

O filme “María y los Demás” trunfa nos Mestre Mateo

O audiovisual citouse na noite do sábado na Coruña para entregar os premios Mestre Mateo, que chegaron á súa XV edición. Foi a gala de María y los Demás, fita que logrou cinco estatuíñas, así como da serie Dalia, a Modista, que recolleu catro, e do documentario Esquece Monelos, que se fixo con tres.

C6HM1sjWcAAIwaD
photo_camera [Imaxe: AGA] O equipo de "María y los Demás"

A produción que máis galardóns obtivo na décimo quinta edición dos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual foi a fita María y los Demás, que levou cinco estatuíñas: longametraxe; interpretación feminina (Bárbara Lennie); guión; son e música orixinal.

Tamén trunfou a serie Dalia, a Modista, con catro premios: interpretación feminina de reparto (Covadonga Berdiñas); dirección de arte; vestiario e maquillaxe e perruquería. Seguiuna no palmarés Esquece Monelos, que logrou as estatuíñas de mellor documentario; dirección de fotografía e montaxe.

Amais dos galardóns de Bárbara Lennie e Covadonga Berdiñas, foron premiados como mellor interpretación masculina de reparto Monti Castiñeiras polo seu traballo en Serramoura e Luis Tosar como mellor actor protagonista en Cien Años de Perdón.

Foi elixido mellor programa de televisión Land Rober Tunai Show, cuxo presentador, Roberto Vilar, obtivo a estatuíña de mellor comunicador de televisión.

Aliás, o premio ao mellor director recaeu en Óliver Laxe pola súa longametraxe Mimosas, que tamén recibiu o recoñecemento a mellor dirección de produción para Felipe Lage e Rafael Álvarez.

Precarización e igualdade

Na súa intervención, o presidente da AGA, Carlos Ares, aludiu á situación que atravesa perto do 60% das actrices e actores galegos, que non poden vivir da súa profesión. “Cómpre tentar mellorar esta situación, cómpre traballar para evitar a precariedade”, sinalou. “Só pedimos ter dereito ás mesmas prestacións por baixa laboral, enfermidade, maternidade, paternidade, desemprego ou xubilación que o resto de traballadoras e traballadores do país”, acrecentou.

"Queremos non ter que celebrar que haxa o mesmo número de mulleres directoras que homes"

Tamén fixo fincapé na situación de discriminación das mulleres no sector audiovisual. “Queremos non ter que celebrar que haxa o mesmo número de mulleres directoras que homes. Queremos que non sexa algo excepcional ter historias con mulleres protagonistas, que non sexa algo que resaltar”, engadiu.

Marta Villar, premio de honra

Na súa intervención á hora de recoller o premio de honra, a directora de arte Marta Villar chamou a atención sobre a desigualdade xeográfica do audiovisual galego. “Galiza tradicionalmente foi un gran estudio de cinema, de norte a sur  e de leste a oeste, tanto para nós como para as producións de fóra. A crise está a relegar este estudio a escasos quilómetros ao redor dunha cidade, 40 minutos de desprazamento desde a oficina de produción, pois dificilmente se poden asumir outros custos na situación actual”.

Palmarés

Longametraxe: María y los Demás (Frida Films, Avalon, TVG, Movistar Plus, TVE)

Documentario: Esquece Monelos (Danga Danga Audiovisuais)

Serie de Televisión: Serramoura (Voz Audiovisual e TVG)

Serie Web: Galicia Crime (Cousas Veredes)

Programa de Televisión: Land Rober Tunai Show (TVG e CTV en colaboración con Destino Bergen)

Curta de Imaxe Real: Einstein-Rosen (Miss Movies)

Curta de Animación: Decorado (Abano Producións, Uniko Estudio Creativo e Autor de Minuit)

Anuncio Publicitario: Cando Chega o Inverno (300 Kilos)

Videoclip: Restos de un Naufragio (Igloo)

Interpretación Masculina Protagonista: Luis Tosar (Cien Años de Perdón)

Interpretación Femenina Protagonista: Bárbara Lennie (María y Los Demás)

Interpretación Masculina de Reparto: Monti Castiñeiras (Serramoura)

Interpretación Femenina de Reparto: Covadonga Berdiñas (Dalia, a Modista)

Comunicador de Televisión: Roberto Vilar (Land Rober Tunai Show)

Dirección: Oliver Laxe (Mimosas)

Guión: Nely Reguera, Diego Ameixeiras, Eduard Sola, Valentina Viso e Roger Sogues (María y los Demás)

Dirección de Fotografía: Jaime Pérez (Esquece Monelos)

Dirección de Arte: Suso Montero (Dalia, A Modista)

Montaxe: Sandra Sánchez (Esquece Monelos)

Realización: Gaspar Broullón Pastoriza (Deportes Imposibles)

Música Orixinal: Nico Casal (María y los Demás)

Son: Juan Gay, Diego Staub e Miguel Barbosa (María y los Demás)

Vestiario: Ana López (Dalia, A Modista)

Maquillaxe e perruquería: María Illobre (Dalia, A Modista)

Dirección de Producción: Felipe Lage, Rafael Álvarez (Mimosas)

Comentarios