Contracultura

Alberte Pagán: "O filme 'Elefante' é unha metáfora do que ocorre co fascismo cotián do nacionalismo ucraíno"

Alberte Pagán, director, cuestiona a esencia do cinema e os discursos mediáticos en Elefante, o seu novo filme, que consta dun único fotograma cunha duración de 1/60 de segundo (16,7 milisegundos). Pagán analiza o percorrido da obra, que recibiu o premio A Colectiva e o do xurado no festival Intersección así como unha mención especial en Curtocircuíto, mais tamén analiza “o fascismo histórico e cotián do nacionalismo ucraíno, que é o elefante na sala que todo o mundo pretende ignorar”. 
O director Alberte Pagán recibiu o galardón A Colectiva e o premio do xurado no festival Intersección (Foto: Nós Diario).
photo_camera O director Alberte Pagán recibiu o galardón A Colectiva e o premio do xurado no festival Intersección (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu 'Elefante'?

Eu tiña na miña cabeza estas imaxes de persoas ás que a poboación de Ucraína, co apoio das autoridades, ataba a farois e a árbores con cinta de embalaxe. Todo tipo de persoa discrepante e nalgún caso tamén a xente xitana. E isto contradí esa imaxe democrática do Goberno ucraíno que nos dan os medios de comunicación. Como non quería facer nada panfletario, decidín pór un fotograma que fose un reflexo da realidade nesgada que nos ofrecen. 
Con este filme, ao mesmo tempo, estou ofrecendo a imaxe e ocultándoa. Dou tan pouco tempo que sabemos que está aí, mais é moi difícil de apreciar. E isto é unha pequena metáfora do que ocorre co fascismo cotián e histórico do nacionalismo ucraíno: son cousas que están aí e que nos negamos a ver ou que non 
nos mostran. 

A acollida en festivais está sendo boa. 

Nunca pensei que daría tanto de si a película máis curta da historia do cinema: con dúas únicas proxeccións públicas xa ten tres premios. Está sendo moi inesperado, mais tamén estou moi agradecido de que haxa xurados e festivais que realmente entendan a idea que hai detrás da película. Eu envieina a estes dous festivais porque é xente achegada e coñecida, mais normalmente non presento as miñas películas a festivais, polo que tampouco sei se vai ter máis percorrido ou non.

Penso que os festivais supoñen un traballo bastante esgotador e frustrante, que quizais podería levarse a cabo se tes unha dinámica de crear unha película cada certo tempo e promocionala, mais eu fago filmes cada dous por tres e ao cabo do ano igual teño unha ducia delas, entre as longametraxes e as curtas, entón non ten sentido. Ademais, o comportamento de cada vez máis festivais e bastante pouco ético, comezando por cobrar por inscribir filmes, cando de todas as que se inscriben seleccionan entre 1% e 5%. Eu fago filmes e están na rede para que a xente os vexa e estes premios se veñen son moi benvidos, mais o resto de floreos e alfombras vermellas non me interesa. 

Por que o título da obra?

Con respecto á forma, esta incide sobre a ontoloxía do cinema: que é? Cal é a súa esencia? O feito de que sexa un único fotograma demostra que o cinema non é movemento, porque cunha soa imaxe non se pode crear, polo que a súa esencia é o tempo.

A diferenza doutras disciplinas, o cinema ten esa imposición dunha temporalidade: é a propia obra a que che impón a súa duración. A fotografía non ten un tempo adxudicado e é precisamente esta temporalidade que eu impoño ao público a que non permite apreciar a imaxe, mostrando e ocultando a un mesmo tempo.

Esta idea é similar a unha fábula india moi coñecida na que unhas persoas cegas queren saber como é un elefante e comezan a tocalo. Á que toca a pata parécelle que un elefante é como unha árbore, para a que toca o rabo é como unha cobra, mentres que para a que lle toca a barriga é como unha parede. A ensinanza é que todos teñen parte de razón, mais todos están equivocados: se só ves unha parte da realidade ou, neste caso, se só ves unha realidade nun tempo que non che permite apreciala acabas por ter unha idea deformada. 

E aínda así, se eu puxera a imaxe como unha fotografía, con todo o tempo que se quixera, se non hai un contexto que a sitúe tampouco se vai entender. 
Por iso, en canto á forma, o título de Elefante encaixaba con isto, mais tamén en canto ao contido: o fascismo histórico e cotián do nacionalismo ucraíno, que é o elefante na sala que todo o mundo pretende ignorar. Está aí, mais facemos como que non o vemos só porque son os nosos aliados. 

Comentarios