Fillas de Cassandra gaña o VIII premio aRi[t]mar

O tema elixido como Mellor Música do 2022 en Portugal é "Maçãzinha", da agrupación portuense Retimbrar, en colaboración con Uxía Senlle.
Sara Faro e María Pérez forman Fillas de Cassandra. (Foto: Santi Iglesias)
photo_camera Sara Faro e María Pérez forman Fillas de Cassandra. (Foto: Santi Iglesias)

O pasado 27 de marzo fechou o proceso de votación mediante o cal o público da gala aRi[t]mar escolleu cal foron as Mellores Músicas do pasado 2022 na Galiza e en Portugal. Nesta oitava edición, o certame volveu bater a súa propia marca de participación cun total de 6792 votos, o que supón case un 30% de incremento con respecto á edición anterior. 

Neste caso, o público de aRi[t]mar acordou que "II. Lisístrata (varre vasoira)", das Fillas de Cassandra, foi a Mellor Música do 2022 na Galiza. Este segundo corte do que é o primeiro traballo das viguesas María Pérez e Sara Faro,  segundo a organización do certame, "dá boa conta de que a escena musical galega segue a innovar e triunfar sen necesidade de abandonar a tradición cultural, reformulando a mensaxe feminista a través dun espazo no que a Grecia Clásica convive co trap ou coa música electrónica". 

 

No caso de alén do Miño, o tema elixido como Mellor Música do 2022 en Portugal é "Maçãzinha", da agrupación portuense Retimbrar, en colaboración coa mosense Uxía Senlle. "Maçãzinha" é un bo exemplo do TugaBeat, nome co que os mesmos Retimbrar definen a súa música, unha mestura de sons folk, populares e de outras moitas orixes coa sempre imperante presencia da percusión tradicional lusa.

Os artistas que acadaron o podio grazas aos votos do público foron, na Galiza, Sés, quen xa recibira o premio na edición 2017 e nesta ocasión optaba ao mesmo grazas ao seu "Para Cando Eu Morra", e a dupla Xoel López & Baiuca, con "Paxaro Do Demo". 

En Portugal, o segundo e terceiro clasificado foron A Garota Não co seu tema "Dilúvio", e Miguel Araújo, que optaba ao premio pola súa "Dança de um dia normal".  

 

Comentarios