Caleidoscópica publica unha nova edición da súa revista fotográfica anual

"As ficçoes" como parte da realidade

A revista online Caleidoscópica.gal edita unha nova publicación coa ficción como eixo de unión entre os 16 proxectos que a compoñen. 
fotografia de Ana Parada
photo_camera Unha das fotografias que ilustra a nova edición de Caleidoscópica feita por Ana Parada. (Foto: Ana Parada)

Baixo a frase “toda fotografía é uma ficçao” a revista online de fotografía Caleidoscópica ven de editar o seu sexto traballo, onde se publican 16 proxectos con “as ficçoes” como eixo vertebrador. 

Querendo desbotar a “idea decimonónica” de fotografía como sinónimo de realidade, este traballo busca traspasar a dicotomía “verdade/mentira” entendendo a ficción como unha “parte intrínseca da representaçao visual”. Os artistas buscan nesta nova publicación un relato honesto e cun camiño que non sexa neutral, “uma ficçao, sim, mas comprometida para a contrucao de um outro imagiário possivel, mais largo, mais colorido, mais horizontal”, indican dende a revista. 

Amalgama de temas

Dentro deste traballo atópanse diferentes conceptos de ficcións. Por unha parte, a amalgama de proxectos fotográficos de Ariadna Silva, quen ofrece unha reflexión escrita e fotográfica sobre as destrución do monte como autodestrución; Paula Pez, quen retrata un dos moitos exemplos de mulleres heroínas non recoñecidas; Ángel Santamaría, quen decidiu non darlle título ao seu traballo íntimo, Maria Teresa Fernández e a súa ‘Esa figura na distância segues a ser tu’, Alexandre Folgoso coa súa ‘Cartografía da alquímia’, Elena Agrelo cos seus ‘Os jogos confinados’, Clara de Vargas e o seu ‘Far Cry V’  e Marta Pereira e os seus ‘Vestigios’.

Por outra, tamén forma parte da publicación, a entrevista e retratos realizados por Miguel Auria a realizadora de escena, Marta Pazos, pasando por proxectos como unha ‘fakenews’ difundida pola Illa Bufarda ou a proposta experimental de Xiana Quintas. Ademais, a publicación remata cunha serie de propostas textuais de reflexión asinadas por Paula Tomé, Mariola Mourelo, Sabela Fraga e Lucía Cernadas.
 

Temáticas anuais diferentes 

Caleidoscopica.gal nace no ano 2015 cun número centrado na identidade e terra, no que defendían unha ollada subxectiva e “made in Galiza”. Durante estes últimos anos foron publicando anualmente con un eixo temático diferente: “corpo e territorio” o cal afundaba na representación complexa do copo; “originalidade e reciclagem”  foi un punto de inflexión que fixo ao propio medio cuestionarse a idea de orixinalidade; “trânsitos” buscaba a capturar a idea de procesos, movemento, fronteira e mesmo o paso do tempo e “conflitos”, último dos temas que se viu atravesado pola pandemia e “deu todo o sentido ás perspectiva complexas e diversas expressoes visuais da proposta”, apuntan dende a revista. 

Este proxecto non ten ánimo de lucro, pódese descargar de balde dende a súa páxina web. A súa equipa de traballo está formada fundamentalmente por fotógrafas que tamén teñen formación noutros campos como o xornalismo, a historia da arte, a música ou ciencia e economía. Conta coa corrección lingüística de Noemi Vázquez e o desexo gráfico está a cargo de Ana Parada. 

Desde as súas redes sociais apoian casos nos que as artistas vexan o seu traballo criticado ou mesmo censurado. Un exemplo é o caso de Alexandre Folgoso e a súa exposición “Corpos, feminismos e territorios”, que foi exposta na entrada do Concello de Baiona no mes de novembro e o Partido Popular do municipio pediu a súa retirada e incluso se roubaron dúas das imaxes máis polémicas da exposición. 

Comentarios