martes 29/09/20
Curtametraxes

FicBueu enche de cinema a costa

O festival arrinca a sexta feira cun programa diverso que recolle o mellor do ano a nivel internacional e deixa, ao tempo, espazo para as propostas máis experimentais e de creadoras galegas.
Fotograma de 'Carne', de Camila Karter.
Fotograma de 'Carne', de Camila Karter.

A programación deste setembro audiovisual continúa con esa insólita concentración de festivais de cinema, que suma ás citas habituais do mes aquelas que se viron adiadas por mor da Covid-19. Pasada a parte presencial do Festival de Cans e co Festival de Verín aínda en curso, a sexta feira dará comezo o FicBueu, que se prolongará até 19 de setembro. Na súa decimo terceira edición ofrecerá un completo programa que inclúe a proxección de máis de 80 curtametraxes e múltiples actividades paralelas.

A sección internacional recolle unha escolma do mellor do ano condensada en 22 pezas, entre as que destaca a presenza de directoras noveis como a palestina Farah Nabulsi (O regalo), as francesas Ariane Labed (Olla) e Maité Sonnet (Masacre) ou a portuguesa Sofia Bost (Dia de festa).

Xunto a elas, proxectarase outros títulos de autoras e autores de todo o mundo como Todos os fogos o fogo (Efthimis Kosemund Sanidis), Anna (Dekel Berenson), O muro branco (Andrea Brusa e Marco Scotuzzi), Postais desde a fin do mundo (Konstantinos Antonopoulos) ou Tio Tomás, a contabilidade dos dias (Regina Pessoa).

Desde a Galiza

Para alén do máis, o FicBueu tamén pon o foco no territorio galego cunha sección específica, Galicia R, na que se inclúen cinco pezas. En Máis alá do glaciar David Rodríguez reflexiona sobre as relacións humanas co medio e analiza o futuro da especie nun contexto de caos xeográfico. Carne, de Camila Kater, comparte cinco relatos íntimos de experiencias femininas en relación ao corpo que lle valeron o premio no Festival de Málaga a mellor curtametraxe documental.

O distópico relato de Onde dormen as gaivotas (Daniel Cornes), tamén galardoado nas Novas Camadas do Festival de Cans a pasada semana, e o universo dos coidados de Xoves de comadres (Noemi Chantada), premiada en Málaga e gran gañadora do Festival de Cans, completan xunto a Todo o mundo se parece de lonxe (Rafa de los Arcos) a selección.

Para alén do máis, un apartado recolle as novidades dentro do panorama estatal, con traballos como Panteras (Èrika Sánchez), Candela (Marc Riba e Anna Solanas) ou a catalá Ca nostra (Na Casa, Laia Foget).

Por outra banda, o cinema máis arriscado e de vangarda atopa o seu oco na sección experimental, desde perspectivas moi diversas que van da investigación narrativa confusa e paralela sobre a vida da mesma muller que fai Amor quântico (Paulo Furtado), a animación desde a perspectiva conceptual do celuloide de Paralelos en serie (Max Hattler), ou a oda prepandemia ás máquinas de Lugares baleiros (Geoffroy de Crécy).

Sección escolas e moito máis

Outro dos puntos fortes do FicBueu é a sección Escolas Internacionais, que recolle filmes elaborados desde os distintos niveis do eido educativo, da primaria á universidade. O festival acolle, doutra banda, dous apartados destinados á asistencia e o goce da cativada: a sección Infantil e a Familiar. Igualmente, o programa por o foco nunha escolma de comedia.

O director do FicBueu, Manuel Pena, lembrou a respecto da actual situación que "a principal razón de ser dun festival son as películas, polo que se decidiu pór todo o foco nas proxeccións e dedicarlles o máximo espazo posíbel para que as e os espectadores poidan visionalas". Isto sen desatender, por descontado, a práctica de todos os protocolos estabelecidos polas Administracións para garantir a seguridade de público, persoas convidadas e traballadoras.

comentarios