O FIC Vía XIV de Verín revelou o seu palmarés na gala de clausura

O Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV pechou na noite do 7 de decembro a súa cuarta edición premiando Los que no sienten, 16 de decembro, The distance between us and the sky, e Places.
Público na Gala de Clausura  dunha edición anterior do FIC Vía XIV.
photo_camera Público na Gala de Clausura do FIC Vía XIV (organización)

O Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV pechou na noite do 7 de decembro a súa cuarta edición tras unha semana de intensa programación. O director do certame, Carlos Montero, destacou a “grandísima calidade” das obras presentadas, pois “moitas das pezas exhibidas este ano recibiron premios a nivel nacional e internacional”.

Na gala de clausura celebrada no Auditorio de Verín déronse a coñecer as obras gañadoras dentro de cada unha das catro categorías do festival: Los que no sienten, de Alba Carnero, Carlota Mojica, Marta Porto e Débora Vargas, na sección Horizonte; 16 de decembro, de Álvaro Gago, na sección Raia; The distance between us and the sky, de Kekatos Vasilis, na sección Nova e Places, de Claudia Barral Magaz, na sección Outra Mirada.

As curtas gañadoras nestes catro apartados foron escollidas por un xurado conformado por Nora Sola, Raquel Anido, Neves Rodríguez e Claudia Expósito.

Xunto a isto, entregouse o Premio Especial do Público a Santa Baia de Montes, de Sabela Souto, e un Premio da Crítica a KIDS, de Micahe Frei e Maria Von Rickerback.

Ademais, Leyenda dorada, de Ion de Sosa e Chama García Ibarra, levou o premio NUMAX á exhibición da Mellor Curtametraxe de menos de 10 minutos.

Comentarios