O FETEGA do Carballiño resiste malia quedar fóra das axudas

O Festival de Teatro Galego do Carballiño decorre do 5 ao 7 de setembro, reducido a unha edición de tres días e sen teatro no exterior. 
'Bailar agora', de Marta Alonso, estará na edición do FETEGA deste ano.
photo_camera 'Bailar agora', de Marta Alonso, estará na edición do FETEGA deste ano. (Foto: Fetega)

Este ano, o Festival de Teatro Galego do Carballiño (FETEGA) quedou fóra das axudas que concede a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para os festivais de artes escénicas. O orzamento quedou tocado e iso nótase: o FETEGA desenvolverase durante tres días no canto dos cinco que viñan sendo habituais nos últimos anos. Tampouco haberá as tradicionais funcións no auditorio ao aíre libre. Porén, Carlos Ledo, director do festival, mantén o optimismo e prefire subliñar que o festival continúa o seu itinerario e que espera mellores tempos nos anos vindeiros. 

"O das axudas é un tema xa moi trillado", asegura. "Nós mantemos unha boa relación coa Agadic, mais este ano tocou xogar con estas condicións. Mais teño a seguridade de que en anos vindeiros poderemos volver organizar un festival de cinco días ou mesmo de máis. Moita xente non o lembra, mais o FETEGA chegou a ter edicións de nove días". 

O certo é que a tendencia nos últimos anos é a de concentrar os recursos en festivais grandes, mentres que os pequenos, os que crean tecido nunha boa parte do país, van decaendo ou, mesmo, desaparecendo.

"A Galiza interior está sufrindo un declive no cultural, non só no escénico, que debería preocuparnos"

"Hai unha realidade do teatro na Galiza que moitas veces non se ten en conta", apunta Ledo. "A masa crítica está concentrada arredor do eixo atlántico: Vigo, Coruña, Santiago, Pontevedra e en menor medida, Ferrol. Por masa poboacional, se só un 1% do público está interesado nun espectáculo, nas cidades grandes pódeselle asegurar dúas ou tres funcións nunha sala. Mais nunha vila pequena, resulta complicado que ese espectáculo teña o mínimo de audiencia que se require para non perder diñeiro. Esta realidade deberíase ter en conta á hora de planificar e estabelecer as axudas. A Galiza interior está sufrindo un declive no cultural, non só no escénico, que debería preocuparnos".

A función do CDG 

Malia quedar fóra das axudas, Ledo incide no apoio indirecto que recibe do Centro Dramático Galego (CDG), que estreará o domingo, no festival, o seu último espectáculo Serva me, servabo te. "Eu creo que debería ser unha obriga do CDG xirar os seus espectáculos por todo o territorio. Hai anos, as obras do Centro viñan ao Carballiño e viñan ao festival, pero desde hai tempo, as xiras foron reducíndose de forma que non chegaban a moitos dos escenarios do país. E volvemos ao de antes: hai unha parte do territorio esquecida que precisa de estímulos para recuperar vitalidade cultural".

O FETEGA, ademais, quere potenciar o monólogo cómico como arte escénica e, a diferenza doutros festivais, quere levalo aos escenarios e sacalo dos bares

Aposta pola danza e polo monólogo cómico 

O espectáculo do CDG, dirixido pola compañía Pálido Domingo, non é o único que aposta pola danza este ano: Bailar agora, de Marta Alonso, e outra das obras -das tres que configuran o programa de sala, xunto con O premio, de A Quintana Teatro- que pon o coreográfico no punto de mira do FETEGA.  

"Hai un informe do Consello da Cultura Galega que alerta da falta de programación de espectáculos de danza", lembra Ledo. "E isto ten pouco sentido tendo en conta que hoxe os xéneros mestúranse: o de Marta Alonso é un espectáculo de danza, mais se me apuras un pouco, non deixa de ser un monólogo". 

O FETEGA, ademais, quere potenciar o monólogo cómico como arte escénica e, a diferenza doutros festivais, quere levalo aos escenarios e sacalo dos bares. "Cremos que levalo a un escenario convencional é unha forma de dignificar o monólogo e por iso insistimos en facerlle un oco nos teatros., igual que se está a facer co circo e con outros xéneros".

Comentarios