Un festival “en tránsito” recala en Compostela con sete concertos

O formato é xa singular. O festival que comeza este xoves día 10 en Compostela está “en tránsito”.Celebrouse e celebrarase en diversas cidades e para a capital galega o Festival Sons Tránsitos ofrece sete concertos en tres noites cunha diversidade que, tamén, atravesa fronteiras: Chico César e Dani Black, Eliseo Parra, Amesmalúa, La Musgaña, Pedro Pastor, Acetre e Pentalfa

Chico César
photo_camera Chico César

Eliseo Parra, representante da música tradicional española mais a proposta galega con sons flamenco Amesmalúa abrirán o xoves día 10 no Teatro Principal de Compostela a primeira edición de Festival Sons Tránsito que ofrece un programa de tres xornadas consecutivas con sete concertos. 

Amesmalúa presentará na Galiza o seu novo CD “La misma luna” no que ofrecen cancións tradicionais galegas con ritmos e paus flamencos, Guatama del Campo xunto coa estremeña de orixe galega Manuela Elena interpretarán temas que evocan a tradición e as xuntanzas na aldea da súa avoa paterna. Mestura de flamenco e canción popular galega que recolle, en certa medida, o espírito do Festival Sons Tránsitos. 

O novo cantautor Pedro Pastor -sobriño de Pedro Guerra e fillo de Luís Pastor e Lourdes Guerra- subirá ao escenario do Principal o venres día 11, canda Chico César, unha das voces máis sólidas da música brasileira, que presenta o seu espectáculo “Aos vivos Agora” no que fai unha revisión de toda a súa carreira na compaña dun dos novos valores da música do Brasil, Dani Black. 

Para a terceira noite, Pentalfa, unha nova agrupación composta por cinco músicos vencellados a Luar na Lubre entre eles o proio Bieito Romero actuará por vez primeira no teatro da capital galega, nunha xornada de clausura na que o programa incluirá a actuación de  La Musgaña con “Entre dos” e o grupo tradicional estremeño Acetre. 

Preséntase como un “festival da mobilidade e da diversidade cultural” e a súa xénese sitúase hai sete anos no Auditorio de Tenerife e chega a Compostela co nome de Festival Sons Tránsitos. Coa itinerancia, a promoción da música tradicional e de raíz mais tendencias anovadoras e  a calidade na programación como tres das súas claves, o festival recala na capital galega despois de ter iniciado a súa nova andaina na Sala Galileo Galilei de Madrid e tendo como próximos destinos Cáceres e Logroño. 

As entradas están á venda en http://entradas.novagaliciabanco.es,  cun prezo por xornada de 15 euros e bonos de 355 para as tres noites.

Comentarios