O Festival Titiriberia levará dez compañías a Rianxo

O programa desenvolverase entre os vindeiros días  20 e o 24 de xullo.

Escena dun espectáculo de Larraitz Producións Artísticas.
photo_camera Escena dun espectáculo de Larraitz Producións Artísticas. (Foto: Cedida)

O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebrará a súa sexta edición en Rianxo entre os días 20 e 24 de xullo. 

Unha decena de compañías ofrecerán os seus espectáculos na vila rianxeira no marco dunha ampla programación que tamén inclúe mesas redondas, exposicións e presentacións de libros.

Deste xeito, o Festival Titiriberia trasládase no seu segundo ano en Rianxo ao verán e ampliará a súa presenza polo municipio, ao descentralizar a súa programación e espallar as súas actuacións por diferentes centros sociais e parroquias. Levaranse así as artes escénicas ao tecido asociativo local, pero tamén aos campamentos de conciliación con diferentes obradoiros coa rapazada.

A programación incluirá tamén a xa celebre Varietés do Barriga Verde, un encontro escénico para o público adulto que mestura diferentes artistas nun espectáculo conducido por Iria Pinheiro

Titiriberia mostrará os espectáculos de dez compañías, das cales oito son galegas (Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, Trécola, Paporrubio, Micromina, Indignati, Alakrán e Babaluva), unha catalá (La Fábrica Fantástica) e unha internacional, ao procederen os seus integrantes de Portugal e Exipto (Habib e Valeria). 

Ademais, a programación incluirá tamén a xa celebre Varietés do Barriga Verde, un encontro escénico para o público adulto que mestura diferentes artistas nun espectáculo conducido por Iria Pinheiro e que combina  o cabaré, o teatro, os títeres e a música. 

Titiriberia integrará este ano os seus Obradoiros de construción de monicreques con dinámicas de igualdade nas actividades dos Campamentos de Conciliación do verán do Concello de Rianxo.

Os obradoiros presentarán conflitos de desigualdade que se resolven de xeito violento, para dedicar un tempo a reflexionar dende o colectivo e crear unha escena cunha solución pacífica. Así, empregaranse os bonecos para concienciar sobre cuestións fundamentais como a igualdade e o medio ambiente. 

Comentarios