O Festival de Títeres de Redondela aposta no poder de atracción do teatro "itinerante"

A XXII edición, que comeza esta cuarta feira 1 de setembro, adáptase á Covid pero saúda as visitas.
Unha das actuacións que decorreu na edición de 2020. (Foto: Festival Internacional de Títeres de Redondela)
photo_camera Unha das actuacións que decorreu na edición de 2020. (Foto: Festival Internacional de Títeres de Redondela)

O Festival Internacional de Títeres de Redondela chega á súa XXII edición nun contexto marcado polas restricións derivadas da Covid-19 pero abre a man con respecto á celebración de 2020. Tanto é así que este ano apostan no "teatro itinerante" como atractivo principal para atraer o público de fóra da vila e o seu entorno, pois non será preciso reservar praza e o acceso será gratuíto. Os pases para os espectáculos baixo teito están esgotados pola necesidade de gardar un protocolo, pero quedan outras propostas como as exposicións ou as funcións  na rúa dos "teatriños de luva" para gozar desta cita ineludíbel para as fanáticas dos monicreques que comeza hoxe e decorrerá até o domingo día 5. 

"Este ano temos unha aposta máis aperturista con actividades itinerantes que non houbo o ano pasado", destaca o director do Festival de Títeres de Redondela, Luís Crespo, sobre a oferta que atopará a xente que se desprace até a localidade. 

Estas iniciativas nas que as compañías sairán a percorrer o rueiro terán lugar o sábado e o domingo, pero desde hoxe mesmo haberá programación tanto nas salas como nas carpas. Para estes espazos xa remataron os pases porque é preciso organizarse para cumprir con todas as medidas de seguridade e control fronte o coronavirus.

As entradas para as ducias de espectáculos -este ano hai 24 compañías, a metade delas galegas e o resto chegadas desde o territorio español, Francia e mesmo Rusia- esgotáronse ao pouco tempo de estar dispoñíbeis, o que para o responsábel fala do interese que existía na cita coas marionetas malia que o ano pasado non quedou suspendida. "Unha hora antes xa había certa cola, o que amosa o interese que xera na cidadanía o festival", reflexiona.  

Sen necesidade de reserva

Porén, Crespo anima a xente en xeral a coñecer a festa, pois ao igual que haberá actuacións itinerantes "de calidade", tamén hai exposicións na rúa de acceso libre e gratuíto. 

É o caso da homenaxe á compañía Cachirulo, que estará á vista en diversos escaparates de negocios do municipio. Tamén destaca os "teatros mecánicos", onde "as vellas máquinas de marcianos mudan en teatros de luva" interactivos a través dos mandos. A entrada e a saída son dinámicas, fornecendo espazo para que moitas persoas poidan descubrir a experiencia. 

"Divertirse e ser seguro pode ir da man; é case unha obriga porque a situación estírase no tempo e é unha necesidade saír", destaca o director.

Comentarios