Edición número 30 do 2 ao 6 de setembro

O Festival de Teatro do Carballiño pasa a chamarse Celso Parada

O Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño fai tres décadas. Cinco compañías conformarán o groso da programación da edición número 30, do 2 ao 6 de setembro e que tamén inclúe monólogos, novo circo e animación de rúa. E que este ano amplía o seu nome: pasa a se chamar Festival de Teatro Galego Celso Parada.
curva españa - chévere - cartaz
photo_camera Detalle do cartaz de 'Curva España', a nova obra da compañía Chévere. Imaxe: cedida.

A Anatomía dunha serea de Iria Pinheiro abrirá o festival o 2 de setembro no Auditorio Municipal. Ao día seguinte estará Compañeira de piso, de Contraproducións. E o 4 de setembro, Chévere ofrecerá o seu novo traballo, Curva España. Idiota, de Redrum Teatro, será o día 5, e Monstruación, de Enconarte Producións, o 6 de setembro.

Dirixido por Josi Lage, para quen este será o último ano na cabeza do encontro, o festival tamén acollerá, no anfiteatro Veracruz, varios espectáculos de novo circo, clown e maxia a cargo de ÍO, Dani García, PT Excéntricas, Asacocirco e Sue Moreno. Na Casa da Cultura haberá monólogos cómicos de Raquel Queizás.

As actividades paralelas do Fetega Celso Parada consisten en pasarrúas e dous obradoiros de intepretación, un impartido por Fernando Tato e outro por Nekane Fernández. E a escritora Inma López Silva moderará a mesa redonda Arte con nome de muller, en que participarán a directora do Centro Dramático Galego Fefa Noia, a dramaturga Vanesa Sotelo, as actrices Belén Constenla e Iolanda Muíños, a directora de escena Ánxeles Cuña e a escenógrafa Silvia Penas.

O festival rematará o 6 de setembro coa entrega dos premios Dorotea Bárcena.

A semana teatral do Carballiño conta co apoio do concello, a Deputación de Ourense, a Xunta e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Comentarios