O dramaturgo será Xograr de Outono

O festival de teatro de Carballo recoñece a traxectoria de Manuel Lourenzo

É un dos escritores de teatro principais de Galiza. E dos dramaturgos. E dos actores. E dos promotores. Figura chave na contemporaneidade do xénero, Manuel Lourenzo (O Valadouro, 1943) será o Xograr de Ouro do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que este ano chega á súa edición número 27.
 

manuel_lourenzo_aelg-3_0
photo_camera O dramaturgo Manuel Lourenzo. Foto: AELG.

“Por toda unha vida dedicada ao teatro e por ser unha figura fundamental na historia do teatro galego”, sinalou a organización do certame nas súas redes sociais. A escolla de Lourenzo derivou da xuntanza anual de Xograres e Xograresas do Outono, segundo informa a Revista Galega de Teatro, da que fixeron parte Artur Trillo, Quico Cadaval, Marcelino de Kukas, Tatán, Susana Dans, Miguel de Lira e Mónica Camaño. Celso Parada, Víctor Mosqueira, Cándido Pazó e Paula Carballeira escusaron asistencia.

Desde o grupo de teatro O Facho -que fundou na Coruña canda Francisco Pillado en 1965- a Casahamlet, a súa actual compañía que tamén edita unha revista, Manuel Lourenzo -formato orixinalmente no Institut del Teatre de Barcelona- erixiuse en peza ineludíbel da escena galega. A súa obra escrita non fixo máis ca reforzala.

Suite Artabria (2017), anatomía de perdedores e condenados, é o último dos seus libros. Veladas indecentes (1996) -Premio Nacional de Literatura Dramática do Ministerio de Cultura-, As horas baixas (2008) ou Romería ás Covas do Demo (1975) son outros títulos importantes da súa prolífica traxectoria como escritor. Que resultou galardoada coas principais distincións do teatro galego, como o Álvaro Cunqueiro -dúas veces- ou o Maruxa Villanueva.

Comentarios