venres 07/08/20

O festival SonRías Baixas torna no MicroSonRías

Bueu acollerá esta versión "minimalista" dun evento que o ano pasado congregou máis de 20.000 persoas, case o duplo da poboación desta localidade mariñeira.
Os acusticos de Arco e Rayden -na imaxe- serán os protagonistas. (Foto: Nós Diario).
Os acusticos de Arco e Rayden -na imaxe- serán os protagonistas. (Foto: Nós Diario).

No pasado ano 2019, o Festival SonRías Baixas congregaba para a súa décimo sétima edición 22.605 persoas, unha cifra que resulta espectacular en comparación cos 12.150 habitantes que ten Bueu, a localidade das Rías Baixas na que se desenvolve.

Xa o 20 de maio deste ano, en plena efervescencia da pandemia da COVID-19, a organización anunciaba que a edición de 2020 quedaba adiada até 2021. Mais agora sorprende cunha pequena pílula de música destinada ás máis fanáticas: o MicroSonRías. Trátase dunha versión "minimalista" do festival, na que só se desenvolverán dous concertos, ambos en formato acústico, protagonizado por Arco e Rayden.

Estas dúas actuacións, "desenchufadas pero amplificadas" nun recinto do festival adaptado aos novos tempos e varias sorpresas en espazos singulares da localidade compoñen o MicroSonRías, unha proposta de pequeno formato coa que a organización do SonRías quere "recuperar o contacto" co seu público, ao tempo que "contribúe a limitar o impacto da crise nunha localidade na que a edición de 2019 xerou un impacto económico que superou o millón de euros.

"Aínda que este verán non poderemos achegar toda esa riqueza económica e cultural á nosa terra", lamentan desde a organización, "si que podemos ofrecer a nosa creatividade na forma dunha proposta micro pero moi coidada, adaptada ás circunstancias, que nos permite compartir con parte do noso público o amor pola música, sen pór en risco a súa saúde nin a dos artistas nin a do resto das persoas que colaboran co festival, nin a das veciñas e veciños da vila. Isto é o máis importante para nós agora mesmo", conclúen.

Rap e rock 'unplugged'

O festival MicroSonRías desenvolverase no recinto da Estacada de Bueu durante os días 31 de xullo e 1 de agosto, e as 800 entradas dispoñíbeis estarán á venda a partir das 12 horas de hoxe a  través da web sonriasbaixas.info a un prezo de 10 euros para un día e 15 para os dous.

Os seus protagonistas serán Arco -o cantante e compositor de El Puchero del Hortelano- e o artista urbano Rayden, quen o sábado 1  encherá o recinto da Estacada co seu enxeño, tenrura e verbo afiado e oco.

comentarios