O festival O Son do Camiño provoca “prezos desorbitados” en Compostela

O Son do Camiño, cuxa segunda edición decorre esta fin de semana no Monte do Gozo de Compostela, atraerá, sempre segundo a organización, milleiros de persoas á cidade. Trinta e tres mil serán as que asistan ás tres xornadas de concertos. Entre as súas consecuencias, unha “desorbitada” escalada de prezos na hostalaría.

Son do Camiño
photo_camera Imaxe do público do Son do Camiño do pasado ano. Foto: cedida.

Así o avisa a Asociación Hostelería Compostela a través da súa presidenta Sara Santos en declaracións a Europa Press. A agrupación tamén manexa datos sobre a ocupación hosteleira nestes días: un 95%. O festival de música é, así, un factor de promoción turística, que a Xunta, polémica promotora do mesmo, quere relacionar a toda costa co Camiño de Santiago.

O proceso de adxudicación en 2018 á unión temporal (UTE) de Esmerarte e Old Navy pola enorme cifra de tres millóns de euros recibiu duras críticas de partidos políticos e asociacións profesionais do sector. Nesta segunda convocatoria as redes fixéronse eco dunha iniciativa relacionada co mesmo: o programa Son Voluntario/a.

Son Voluntario/a depende da Dirección Xeral de Xuventude do Goberno galego e supón 36 prazas para que “mozas e mozos realicen diferentes tarefas e vivan a experiencia do festival desde dentro”. As “tarefas” descríbeas o comunicado oficial como “ofrecer información de interese sobre os servizos que ofrece este evento musical, facilitar a circulación das persoas dentro do recinto e realizar, de ser o caso, actividades de sensibilización medioambiental”.

Estas persoas voluntarias traballarán en quendas de tres horas e a cambio do seu labor obterán “un bono de acceso a O Son do Camiño facilitado polos organizadores” e un “certificado de experiencias voluntarias expedido pola Dirección Xeral”.

Eclecticismo comercial no cartaz

O cartaz artístico do Son do Camiño caracterizouse xa na primeira edición por certo eclecticismo estilístico, preocupación máis comercial que artística, a contratación de nomes internacionais que non atravesan o seu período de maior repercusión, e presenza galega na letra pequena da oferta. Este 2019 hai sobre todo unha excepción: a de Rosalía, a música estatal con maior eco internacional do momento.

Na cabeceira do festival están ademais Iggy Pop, Black Eyed Peas, Bloc Party, David Guetta, Die Antwoord e Richard Ashcroft. Galegos son, entre outros, Iván Ferreiro, o rapeiro Hard Gz, Ortiga -un do ex integrantes de Esteban & Manuel-, os garaxeiros Familia Caamgno e o peculiar cruzamento entre floclore e electrónica de Baiuca.

Comentarios