Festival Sinsal: a fórmula que concilia éxito e prestixio cultural con polémica

Tras a edición de "resistencia" do ano pasado, o Festival Sinsal volve á illa de San Simón entre o 23 e o 25 de xullo. O encontro regresa á súa esencia: tres días de convivencia nun espazo natural e de memoria histórica que propón proxectos contemporáneos atípicos para gozar dunha experiencia que vai máis alá 
da música. As entradas para os eventos poranse á venda nos próximos días
Unha imaxe da edición do Festival Sinsal do ano 2019. (Foto: Olalla Lojo) #festival #festivalsinsal #sinsal #sansimón #música #memoriahistórica
photo_camera Unha imaxe da edición do Festival Sinsal do ano 2019. (Foto: Olalla Lojo)

Conxugar prestixio e éxito popular é a fantasía de calquera programador cultural. Nun momento en que a vella oposición entre cultura e entretemento retoma un lugar destacado no debate público, encontrar métodos que permitan conciliar os aspectos lúdicos e críticos diso que chamamos cultura resulta tan complicado como reconfortante. 

O Festival Sinsal, que se celebra na illa de San Simón desde o ano 2010, semella ter atopado a fórmula: esgota as localidades sen facer público o programa, que se mantén en segredo até o momeno das actuacións; recibe premios como o Fest -que o recoñeceu como mellor festival de pequeno formato do Estado-; ou aparece citado no Observatorio da Cultura como unha das iniciativas culturais mellor valoradas do país.

Julio Gómez, codirector do festival, explica algunhas das chaves que están detrás do suceso dun evento, en principio, destinado a un público minoritario: “Aínda que agora entendemos o festival como algo moi vinculado coa programación cultural, a orixe do termo ten máis a ver cun acto comunitario de participación e celebración, de compartir un espazo público. Nós queremos pór en valor esta idea, neste caso arredor da música, e convocar un evento nun espazo tan especial e simbólico como San Simón reivindicando esa idea da convivencia”.

Un traballo a longo prazo

En realidade, Sinsal é un selo que xa existía antes de San Simón –o festival tivo varios formatos antes de aterrar na illa– e iso creou tamén unha personalidade e un espazo de “familiaridade” que permitiu que o público depositara a súa confianza nos seus programadores. Por outra banda, as artistas que pasan polo festival acaban tendo máis visibilidade nos medios que se ocupan da música contemporánea e acaban facendo parte das preferencias do público galego e mesmo de fóra da Galiza.

“Cando apostas por xente nova e con talento, a súa propia dinámica –e tamén a sorte, que é un factor que sempre xoga un papel importante– marca a posición e a evolución deses artistas", declara Gómez. "Non sempre é así: son moitas as circunstancias que interveñen para que un artista acceda a unha dimensión máis coñecida, mais si é certo que despois de moitos anos, o que facemos ten unha repercusión no país. E este creo que é un aspecto a reivindicar: o traballo de comisariado é importante e hai persoas que lle dedicamos moitos anos de traballo a formarnos e a formar un criterio”.

“Hai que respectar os gustos da xente e saber valorar para que lugar e para quen programas", continúa, "mais, dentro deses condicionantes, podes facer un traballo que saliente o traballo de certos artistas que, máis tarde, entrarán en circuítos máis grandes e chegarán a ser moi populares ou que se consolidarán en circuítos pequenos nunha liña de prestixio”. 

Sinsal permanece afastado da competición que manteñen os grandes festivais por contar con estrelas do show bussines, e malia esta renuncia, mantén a súa aura de prestixio dentro do microcosmos que conforman este tipo de eventos. “Hai todo tipo de festivais", subliña Gómez, "os que concentran a maior parte do seu programa en grandes figuras e os que empregan esas figuras como paraugas que protexe propostas máis pequenas, que atopan aí unha oportunidade para enfrontarse cun público amplo. Agora, coas medidas restritivas derivadas da pandemia, observamos que moitos artistas que, en teoría, poderían estar traballando para un público pequeno, non o fan porque lles falta ese paraugas baixo o que darse a coñecer. Os festivais que temos un maior compromiso con artistas cun perfil máis agochado –non necesariamente novos, porque en moitas ocasións levan moitos anos traballando– temos unha forma diferente de comunicar o concepto de festival. Mais creo que é importante que exista a diversidade, a complementariedade entre diferentes formas de entender a difusión da música e, en xeral, da cultura. No mundo globalizado no que nos movemos, sabemos que hai un público para case todo. Hai espazo para todo”.

Polémica polo emprazamento na illa 

Desde algunhas asociacións de recuperación da memoria histórica cuestiónase a oportunidade de que un lugar como San Simón –que funcionou como campo de concentración durante a represión franquista– acolla un festival de música. Mais Julio Gómez apela ao sentido democrático que debe ter a recuperación do pasado: “A xestión do patrimonio sempre é complexa e non hai fórmulas definitivas. Estamos remando na mesma dirección e penso que todas temos a obriga, pero tamén o dereito, de participar da memoria histórica. E a construción do espazo público é tamén un dereito que nos asiste a todas.

Deberiamos apoiarnos entre nós para pór en valor o noso patrimonio e a nosa historia. Nós facémolo cunha actividade cultural onde por riba de todo subliñamos dous valores: un deles é o territorio –e, daquela, a súa valorización e difusión–, e o outro, a convivencia. Debemos reivindicar eses valores que unen unha sociedade democrática –a liberdade, a igualdade e a fraternidade– e nós facémolo a través da música. Traballar en favor deses valores é máis necesario que nunca, especialmente nun espazo como San Simón, tan marcado por un pasado tan escuro e tan triste como é o da represión franquista. A memoria histórica debe ser transversal e debe estar sempre presente, mais sen perder de vista o que está sucedendo na actualidade, na que existen elementos de abondo preocupantes".

O laboratorio de I+D+i da creación

Julio Gómez explica a necesidade de espazos que fornezan de novas ideas á creación contemporánea: "Os grandes festivais moven orzamentos moi grandes e teñen unha capacidade de mobilizar medios que deixan moitos beneficios para o territorio. Os festivais pequenos non temos esa capacidade de xerar ese retorno, mais precísase un sector máis experimental, para que a creación máis arriscada alimente todo o sistema; no fondo, funcionamos como un laboratorio de I+D+i da creación contemporánea. Os espazos pequenos chegan onde non chega a administración nin os eventos máis populares e son imprescindíbeis para o tecido cultural e artístico. E tamén económico, porque non todo o mundo pode ser grande”.

Comentarios