Na Coruña do 31 de maio ao 9 de xuño

O festival S8 reflexiona sobre a conservación do cinema experimental

O cinema é un material funxíbel. Non por acaso, a maior parte do filmado no primitivo período mudo perdeuse. Cando o obxecto é o cinema experimental, sempre á marxe da industria, as posibilidades de supervivencia redúcense. Sobre esta circunstancia porá o foco a décima edición do Festival S8, na Coruña do 31 de maio ao 9 de xuño
 

Mudlark still 2 Charlotte Pryce
photo_camera Fotograma de 'Mudlark', de Charlotte Pryce. Imaxe: S8.

O S8 explícase no seu subtítulo: Mostra de Cinema Periférico. Organizado pola Asociación ese8 e dirixido por Ángel Rueda, este ano amosará 126 pezas, procedentes de 15 países diferentes. Trinta e cinco artistas convidadas e 12 “film performance” completan un programa que ten entre as súas características máis singulares a de proxectar as obras nos seus formatos orixinais.

De aí que o núcleo deste décimo certame teña a ver co mantemento e restauración do cinema experimental. “Este campo foi avanzando grazas ao labor incansábel, coñecemento e imaxinación dunha serie de individuos e institucións”, sinalaron os promotores do evento na presentación do mesmo esta cuarta feira. Algunhas delas estarán na Coruña: Ross Lipman de Notfilm; Bill Brand, pioneiro á hora de recuperar 16mm e súper 8; ou Mark Toscano, responsábel da materia na Academia das Artes e as Ciencias Cinemotográficas de América.

Mais o festival tamén supón o acceso a filmes e autoras emblemáticos. Malcolm Le Grice será un deles. “Figura histórica do cinema experimental”, fundador da cooperativa London Film-makers e practicante do chamado cinema estrutural ou materialista, o seu extenso labor, que inclúe o concepto de cinema expandido ou film performance, poderase ver en dúas sesións. Ofrecerá ademais unha clase mestra.

Outro nome de primeira categoría no encontro será o de Charlotte Pryce, investigadora inglesa do cinema anterior ao cinema. A partir das lanternas máxicas, viaxa ás orixes do medio e, con diapositivas de cristal creadas por ela mesma, Pryce “narra historias arredor da percepción e dos limiares da realidade”.

A institución LUX London, nada hai máis de 50 anos, programará unha Carta Branca de pezas experimentais. Na sección Vellos e novos amigos haberá fitas recentes de Saul Levine, Naomi Uman, Jodie Mack ou Stephen Broomer. O Laboratorio Experimental de Cine de México pasará algúns dos seus filmes. E haberá unha homenaxe ao cineasta lituano-estadounidense Jonas Mekas, recentemente falecido, e figura fundamental do cinema underground.

As proxeccións do festival S8. Mostra de Cinema Periférico serán no Centro Galego das Artes da Imaxe, no Palexco e na Fundación Seoane. Apoian o Concello da Coruña, a Deputación, a Agadic (Xunta) e o Instituto da Cinematografía e das Artes Visuais.

Comentarios