luns 06/12/21

O Festival de Riós confirma que o audiovisual se festexa no rural

O mundo do audiovisual está a topar o seu espazo no rural. Os días 13 e 14 de agosto desenvólvese na localidade de Riós, o  Festival das artes escénicas que, desta volta, premia ao actor Antonio Durán, Morris. 

Anaco do cartaz do Festival
Anaco do cartaz do Festival

No cartaz, a aldea de Riós ocupa o espazo ilustrado, detrás de dous castiñeiros coas carautas da interpretación actoral e a cita que identifica o mundo audiovisual. Os días 13 e 14 de agosto, o Festival das artes escénicas volve a Riós na súa sétima edición na que buscou apoios a través dunha plataforma de autofinanciamento e ofrece as entradas ao programa de balde. 

O día 13 inaugurarase coa lectura do pregón e a proxección de obras gañadoras no Festival de Cans,   nun irmanamento de dous encontros que teñen o medio rural como escenario e orixe das iniciativas. Nesa mesma xornada preestrearase a segunda tempada da webserie “Clases de lo social" e o programa “No mellor da Vida”, con Pepe Capelán. Antes da verbena tradicional a cargo do colectivo Rebulir de Ramirás e a Coral cantarela terá lugar a proxección das curtas “Amistad” de Alejandro Marzoa e “O coidador de Gatos” de Fernando Cortizo ademais a sección de integración social a cargo de Estíbaliz Veiga, “Todos podemos facer cine”. 

"Riós súmase a Cans, Cartelle ou Vedra no particular “calendario” anual de festivais e encontros que teñen na aldea o escenario para a festa do audiovisual". 

O 14 será o día grande do Festival e comezará xa desde a mañá, con xogos tradicionais infantís a partir das 10.30 e sesión de contacontos con “Gema, Gemiña, Gemola”. A “Ruta do talento” terá lugar a partir das 13 horas nun programa que incluirá a homenaxe a Carlos Sobera e Carme Avendaño, a actuación de Lucía Pérez e a banda de gaitas de Riós ademais da celebración ás 22 horas da gala do festival con Pedro Brandariz e Fran Rei, Carlos Sobera, Carlos Blanco e Óscar Ibañez. Entregaráselle o premio castaña de cristal a Antonio Durán Morris. Nese mesmo día proxectarase o trailer da película “A Esmorga”, dirixida por Ignacio Vilar na que Morris é un dos seus protagonistas. 

En maio tivo lugar a XI edición do Festival de Cans, o pioneiro na descuberta do entorno rural para o urbano mundo do audiovisual. O experimento cadrou ben e Cans converteuse en referente para unha proposta que sorprendeu nos seus inicios pola súa orixinalidade mais que, posteriormente,  demostrou que se trataba ademais dun encontro acaído. A seguir nacería tamén a proposta de Vedra, o encontro de obradoiros “sen un peso” que farían da localidade próxima a Compostela un destino para a máis nova formación no sector. Neste mesmo ano, en xuño iniciaba a súa andaina o Festival Internacional de Cine Carlos Velo en Cartelle e Celanova, que nacía xa facendo gala da súa orixe rural. Riós completa o particular “calendario” anual de festivais e encontros que teñen na aldea o escenario para a festa do audiovisual. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O Festival de Riós confirma que o audiovisual se festexa no rural
comentarios