Festival poético para pechar maio no Morrazo

Literatura e música pechan maio na terceira edición do Festival Poético do Morrazo Letras Galegas 2014 que organiza a Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta. Marta Dacosta, Mª Carme Caramés, Tino Baz ou Mónica Camaño son algúns dos nomes do programa. 

Marta Dacosta
photo_camera Marta Dacosta

O Festival Poético do Morrazo Letras Galegas chega a súa terceira edición cunha xornada literaria-musical que se desenvolverá o sábado 31 de maio no Centro Social do Mar (Bueu). A sesión iniciarase cunha homenaxe a Xosé María Díaz Castro e a actuación musical de “Os Mulos”. A poesía virá ao vivo da man de Miriam Ferradáns e Daniel Costas nun recital poético que anticipa a presentación de “Dun lago escuro”, a obra de Marta Dacosta Alonso que resultou gañadora do premio de Poesía Johán Carballeira do pasado ano. O Festival incluirá tamén o acto de entrega do premio desta nova edición que recaeu na escritora Mª Carme Caramés e a súa obra “Dos días escuros”. 

O xurado do premio de Poesía Johán Carballeira, formado por Marta Dacosta Alonso, Miriam Ferradáns Ferradás e Alberte Momán Noval valorara a “capacidade para retratar unha situación tan difícil como a dos malos tratos e que isto se faga cunha linguaxe poética tan acertada, mediante a utilización de imaxes moi potentes e un ton que engancha á lectora e ao lector e fai devecer pola lectura da páxina seguinte”. Destacara tamén a unidade e a secuenciación da obra que “vai adquirindo intensidade até acadar o punto final que nos conduce directamente á realidade”.

Comentarios