O Festival de Poesía do Condado reivindica as Irmandades da Fala como un arma cargada de futuro

A XXX edición do evento popular de Salvaterra decorrerá o 2 e 3 de setembro. Poesía, música, fotografía, teatro, convivio e compromiso nunha cita que foi quen de tornar de necesaria en imprescindíbel.

condado

Trinta anos do Festival de Poesía do Condado, unha cita que pasou neste tempo, e case sen decatarnos, de necesaria a imprescindíbel e que, contra vento e maré, mantén aceso aquelo que dicía Passolini da poesía como “inconsumíbel”. Esta 30 edición decorrerá o 2 e 3 de setembro, en Salvaterra do Miño (onde se non) e co centenario das Irmandades da Fala como un dos motores do programa. “A Sociedade Cultural e Desportiva (SCD, organizadora do Festival) toma o exemplo das Irmandades ao assumir o monolingüismo em galego e homenageia a trajectória progressista e irmandinha destas agrupaçons, assi como a sua resistência depois da guerra civil espanhola”, explican.

O Festival comeza o 2 de setembro coa apertura de exposicións. Van ser tres: A dos paneis de 100 anos de Irmandades ds Fala, a dos 'Debuxos de Negros' de Castelao (colección cedida por Galaxia) e a mostra de fotografías 'Infinito' de Daniel Pérez. Esa mesma xornada terá lugar a Noite nas Minas, cun recital de Rochi Nóvoa e a actuación de Sofía Espiñeira. Ao remate, terán lugar as actuacións de O Puto Coro do Exército Froilanista e de Ronco&foll, así como a sesión DJ de Espalda Kemada.

O sábado a poesía anega un festival nacido para com esa fin. Máis poesía ca nunca, en máis espazos e modalidades. O programa comezará con ronco&roll a percorrer Salvaterra no comboio e a xeito de ruada. Ao tempo, e nesa mañá, abrirá a Feira de colectivos e artesanato e a Liga Nacional de Billarda organiza, máis un ano, o Aberto da Poesia.

A sesión vermute vai contar con Raquel Castro a apresentar o seu libro ‘As terapias da doutora Ledicia’ e posteriormente KNeves no Autoblues Chicago-Fornelos presentando o espectáculo 'Servizo discrecional'. Xa a media tarde, Antía Otero & Isaac Garabatos presentan 'Varia' nas Covas de Dona Urraca, e, ao rematar, os membros do colectivo 'Xuventude Imbécil' farán outro recital no campo da festa.

No Festival Poético e Musical están Emma Pedreira, Mário J. Herrero, Rui Spranger, Ana Romaní, Aurora Boreal, Oriana Méndez, Jesús Castro, Manolo Pipas, Lara Dopazo e Antón Blanco. Xa pola noite, o Festival Poético e Musical que vai presentar Xurxo Souto e con actuacións de Zurrumalla, Sokram e Familia Caamagno, para finalizar com a sesión DJ de Selecta Alice.


 

Comentarios