O Festival de Pardiñas festexa o Ano Díaz Castro

Como era de agardar, o Festival de Pardiñas que terá lugar 2,3,4 de agosto festexará ao “festivaleiro” de honra que foi Díaz Castro. O encontro de arte e música que desde hai trinta e catro anos organiza a Asociación Xermolos tiña que “proclamar aos catro ventos” o Ano Díaz Castro. Homenaxearase tamén a Xosé Seivane. 

Díaz Castro
photo_camera Díaz Castro

Unha homenaxe a Xosé Seivane, pregoeiro da primeira mostra de artesanía, máis a constante presenza de Díaz Castro serán algúns dos sinais desta nova edición do Festival de Pardiñas que encherá Guitiriz de música, arte e festa. Xermolos, e o seu presidente Alfonso Blanco, están detrás do ánimo continuado para que Díaz Pardo fora homenaxeado pola Academia no Día das Letras Galegas e agora que, finalmente, foi conseguido, era de agardar que a festa se trasladase a Pardiñas, o seu espazo natural. 

Convocatoria de arte e música desde hai 34 anos, a Asociación Xermolos anima en cada edición un encontro no que, alén de concertos, a tradicional Mostra de Artesanía, a de Artesáns de Instrumentos de Música Tradicional, o concurso de Cantos de Taberna ou o Certame “Terra Cha” de literatura e debuxo infantil danlle unha identidade particular a esta cita no concello de Guitiriz. 

O venres, o festival quentará motores con batukada co Bloquinho de Xermolos mais vídeos musicais entre os que se proxectará o “A lus do mundo” do alumnado do IES de Guitiriz que contribuíu a que Díaz Castro fora o homenaxeado do próximo Día das Letras galegas. Especial presenza terá o autor de Guitiriz nesta edición do festival xa que o propio sábado inaugurarase unha mostra fotográfica de Xan Muras arredor de Díaz Castro.  “Menciñeiros” de Volta e Dálle con música de Mini e Mero porá fin á xornada “preparatoria” e dará paso a un día grande que comezará xa por volta das 12.30 con Concurso de Cantos de Taberna polos bares de Guitiriz. Quen partille do Festival terá oportunidade de probar o “bolo pardiñeiro” unha nova tapa que se estrea nestas xornadas festeiras. 

Para non parar está o programa do sábado con apertura de exposicións de escultura, fotografía, pintura ou cerámica, o XXXIV certame de debuxo infantil, a mostra de artesanía, a de artesáns de instrumentos de música tradicional ou mesmo obradoiros de regueifas e danza tradicional. A Asociación de Gaiteiros Galegos ten moito a ver coa actividade que se desenvolverá á tarde, co achegamento a instrumentos e concertos espontáneos por toda parte. Na noite a música de Bloquinho de Xermolos, Coanhadeira, Harmónica Creams, Tara e Dios ke te Crew prolongarán a festa até ben entrada a madrugada. 

Feira de libros de Xermolos

Bernardino Graña, Neira Vilas, Paco Martín, David Otero e Marica Campo estarán presentes o domingo á mañá na apertura da Feira de Libros de Xermolos nunha xornada na que se lle renderá, ás 12:00 horas, homenaxe a Xosé Seivane que foi, fai vinte anos, o primeiro pregoeiro da mostra de Artesanía. Presentarase un novo Guieiro no que participan máis de 100 músicos, escritores, artesáns  e gaiteiros. 

Sen que o programa se deteña un momento, ás 18 horas o escritor Xosé Vázquez Pintor lerá o pregón. Será, sen dúbida, a festa de Díaz Castro en Pardiñas xa que desde a organización anuncian que van “proclamar aos catro ventos o Ano de Díaz Castro” coa actuación do rapeiro David Gómez e alumnado de Guitiriz a cantar os seus poemas ademais de Mini e Mero, autores da coñecida musicalización de “Penélope”. 

Os Minhotos, Susana Seivane, Skarallaos e Mr, Fishman aka Dr. Think & Mike Rolling porán fin á xornada. 

Comentarios