Cinco concertos de música negra entre outubro e decembro

O festival Outono Códax homenaxea Aretha Franklin na súa oitava edición

Un acontecemento marcou este 2018 a música negra: a morte de Aretha Franklin. O festival galego máis especializado nese inesgotábel territorio sonoro, o Outono Códax de Compostela, non podía permanecer alleo. A súa oitava edición incluirá unha homenaxe á que o consenso crítico bautizou como “Raíña do Soul”.
 

jp bimeni
photo_camera O cantante nado en Burundi J. P. Bimeni. Foto: cedida.

Será na súa clausura do certame, o 27 de decembro. O quinto e último dos concertos do Outono Códax chámase Aretha Soul Divas & the Silverbacks e xuntará, na Sala Capitol, “catro das mellores vocalistas da actual escena soul estatal”: Mayka Edjole de The Sweet Vandals, Shirley Davis cuxo proxecto se chama The Silverbacks, Juno, de Juno & Darrell, e Astrid Jones, de Astrid Jones & the Blue Flaps.

Mais durante os dous meses anteriores, catro actuacións encherán un programa que, en palabars dos seus organizadores, “combinará os sons máis selectos do soul, o rhythm & blues, o swing, o funk e o rock & roll clásico”. Patrocinado polas adegas Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela, as entradas custan 20 euros anticipadas e 24 na billeteira. Existe un bono por 40 e 48 euros, respectivamente, que permite asistir a todo o ciclo.

Que comezará o 19 de outubro cun dobre cartaz: os holandeses The Tibbs e os estadounidenses The Rad Trads, ambos os dous na Capitol. No caso dos europeos, trátase dunha aleacción de northern soul e funk -adscritos á intepretación retro do soul- da voz dunha vocalista “que recorda inevitabelmente á poderosa voz da inesquecible Janis Joplin”. The Rad Trads, pola súa banda, funden o cento de estilos propios da tradición musical do seu país, so swing ao blues, do soul ao jazz.

Nova Orleáns, berce do jazz e epicentro das músicas afroamericanas, protagonizará a sesión. Luke Winslow King tocará, de balde e en acústico, na Sala Riquela. Con alicerces blues, vai construíndo un edificio en que se apoian elementos jazz, soul, rhythm & blues, rock ou folk. “É a maxia das raíces máis sureñas”, afirma a organización. Ao día seguinte, 10 de novembro, na Sala Capitol, compartirán escenario as portuguesas Marta Ren & the Groovelvets e a galega Maren Ladson.

Xigantes como James Brown ou Otis Redding son referencias do combo luso. Para Mara Ladson, nada en Ourense de nai galega e pai neoiorquino, a descrición ofrecida pola organización do Outono Códax fala de “gran nivel de imaxinación compositiva, profundidade nas letras e capacidade de interpretación”. Ten 19 anos e un primeiro disco na rúa.

O sábado 24 de novembro será a quenda do metéorico swing dos británicos Natty Congeroo & the Flames of Rhythm, liderados polo “popular, extravagante e elegante” Congeroo. Canda eles estará J.P. Bimeni & the Black Belts, “unha das grandes promesas do soul británico”. Orixinario de Burundi, en 2016 ofreceu unha relectura en directo de Love Man (1967), un dos grandes elepés póstumos de Otis Redding.

O Outono Códax contará con actividades paralelas, entre elas un concerto do combo surf galego The Manueles -o 19 de outubro no patio do restaurante Porta Faxeira-, unha exposición do debuxante e deseñador Roberto Argüelles -na Reixa-Matrioska Tenda, do 2 ao 20 de outubro- ou unha feira do disco o 24 de novembro.

Comentarios