O Festival de Ortigueira cancela a edición de 2020

A organización do Festival de Ortigueira decidiu non celebrar a edición deste ano e dedicar os seus recursos en paliar os efectos sociais e económicos da crise sanitaria na comarca.
ortigueira celta festival
photo_camera Festival do Mundo Celta de Ortigueira.

“Non haberá Festival de Ortigueira este ano”. Con este anuncio, a organización do evento empraza as súas seguidoras ao ano que ven. A próxima cita coa música celta en Ortigueira terá lugar entre os días 14 e 18 de xullo de 2021.

“Ante a situación de dificultade e incerteza á que se enfronta a poboación mundial, a previsión de que se prolonguen as medidas de prevención e a imposibilidade de garantir a seguridade das asistentes a día de hoxe, moi ao noso pesar, confirmamos a decisión de non celebrar o festival deste ano”, explica a organización do festival nun comunicado a través da súa web.

Conter os efectos da crise sanitaria

No seu lugar, engade, parte do investimento do Concello destinado ao evento de 2020 vaise dedicar a combater a emerxencia social, económica e sanitaria da comarca.

“Tomamos a decisión tres meses antes co fin de non incorrer en ningún gasto que nos impedira dedicar os recursos ao que agora é verdadeiramente importante, a loita contra os efectos que a emerxencia sanitaria provocará nos colectivos máis sensíbeis”, destaca o alcalde de Ortigueira, Juan Muras.

Unha oferta ampliada

Pola súa banda, a organización do Festival de Ortigueira centrará os seus esforzos en “preparar un 2021 que compense a espera con varias novidades”, entre as que destaca un día extra de concertos no escenario principal. Desta forma, a actividade musical iniciarase a cuarta feira, en vez da quinta feira.

Así, o ano que vén, manterase o cartel artístico previsto, coa presencia dos principais bandas ademais doutras sorpresas orientadas a fomentar a presenza de novos valores da música Celta mundial.

Unha aposta que busca outorgarlle máis entidade á festival ao tempo que consolida o seu firme “compromiso coa cultura e os talentos emerxentes da música folk. Deste maneira, crearemos o Día Runas, no que actuarán seis bandas, os tres finalistas de 2020 e os tres de 2021”, conclúe o coordinador do festival, Alberto Balboa.

 

 

Comentarios