O Festival Galicreques abre a programación de sala no Teatro Principal de Compostela

O evento, organizado pola Asociación Barriga Verde, comezou este sábado e rematará o día 18 de outubro

Os limpabotas, Nino&Mambrú, da compañía galego-francesa Moving Compass (Nós Diario)
photo_camera Os limpabotas, Nino&Mambrú, da compañía galego-francesa Moving Compass (Nós Diario)

O Festival Internacional Galicreques, un encontro internacional de monicreques organizado pola Asociación Barriga Verde que xa está consolidado na capital galega, comezará esta segunda feira 12 de outubro a súa programación de sala no Teatro Principal de Compostela.

A primeira función con este formato, seguindo todas as normas sanitarias previstas, será Alicia no país de marabillas (17 horas), a adaptación ao teatro de monicreques de luva o clásico de Lewis Carroll.

Porén, a actividade do Galicreques xa comezará pola mañá, ás 13 horas, na praza de Praterías coa formación portuguesa Marionetas Rui Sousa, que representará as pezas O castelo assombrado e O Zé do Telhado. Ambas as dúas montaxes forman parte da histórica tradición lusa do Dom Roberto, pertencente ao xénero da cachaporra e parente próximo ao galego Barriga Verde.

A programación na Carpa da Alameda principiará ás 13.30 horas coa obra Os limpabotas, Nino&Mambrú, da compañía galego-francesa Moving Compass, que repetirá esta peza ás 18 horas. na praza do Toural.

A carpa acollerá, ademais, ás 18 h. a obra Unha armadura con ferruxe, da compañía galega Títeres Cascanueces e, ás 19.30 h., o CruCru Show, da arxentina Sofía Ferrara, quen previamente ofrecerá este mesmo espectáculo ás 14 h. na praza Roxa.

Para a organización do festival foi todo un "reto" sacar adiante esta edición nun contexto moi marcado pola situación sanitaria e as cambiantes normas por mor da evolución da Covid-19.

Para esta edición o festival conta cun programa internacional de máis de 40 espectáculos de marionetas para todos os públicos e combinará obras presenciais en diferentes espazos cun formato online especialmente dedicado aos centros educativos.

Comentarios