O Festival Espazos Sonoros entra en parcería co In Spiritum de Porto

O Festival Internacional In Spiritum de Música e Contemplaçao na Cidade do Porto conta con dous parceiros na súa segunda edición. O Festival Espazos Sonoros da Galiza e o Música Antiga de Diamentina no Brasil. 

Imaxe do Festival
photo_camera Imaxe do Festival

Desenvolverase en Porto do 30 de abril ao 3 de maio e contará con dous parceiros que afortalarán a súa internacionalización. O Festival Internacional In Spiritum, de Música e Contemplación do patrimonio arquitectónico da cidade de Porto entra en parcería co Espazos Sonoros da Galiza e co Música Antiga de Diamentina, no Brasil, os dous no ámbito da lusofonía. 

O Fetival de Porto tomou precisamente como modelo o Espazo Sonoros galego e o paso adiante na relación entre os dous eventos, ten como obxectivo fomentar o intercambio artístico e técnico ademais de afondar na comunicación de públicos entre o Norte de Portugal e a Galiza. A produción do festival de Porto conta de novo coa asesoría da empresa galega de xestión cultural Sigo Torcendo que organiza o Espazo Sonoros.

A comunicación artística entre ambos eventos xa se fixo notar nas anteriores edicións dos dous festivais ao, por exemplo,  participar no galego o organista Marco Aurélio Brescia, director do In Spiritum, cun concerto na igrexa de Iria Flavia ademais de intervir na rolda pola paisaxe organística galega. Para esta edición do festival de Porto, o artista e deseñador de lámpadas galego, Arturo Álvarez fará unha instalación de luz para o concerto inaugural no salón Árabe do Palácio da Bolsa. 

A fin de semana longa do 1 de maio, Porto terá un maior aliciente para atraer público co programa de concertos de música antiga, clásica, órgano e música contemporánea coa posibilidade de descubrir a través da música distintos espazos do patrimonio portuense. No programa destaca a interpretación da obra gañadora no concurso da primeira edición do festival, composta para os órganos históricos, recén restaurados, da Igreja dos Clérigos, símbolo da cidade. Será na clausura do festival e preséntase como estrea mundial. 

Comentarios