DO 25 AO 27 DE AGOSTO

Volve o Festival dos Eidos coa súa proposta arredor da poesía expandida

Vén de presentarse a terceira edición do Festival dos Eidos en Parada do Courel, que terá lugar do 25 ao 27 de agosto e regresa cunha proposta de hibridación artística que pivotan sobre un eixo de poesía oral e visual.

EIDOSFEST
photo_camera Presentación do Festival dos Eidos

O Eidos Fest é unha das poucas citas do verán que van máis alá da música, aínda que neste caso o correcto é dicir que vai máis alá da poesía. Con presenza de artistas galegos e internacionais, no terreo da poesía haberá recitais a cargo de Juan Carlos Mestre, Teresa Moure, María Sánchez e Xabier Xil. Ademais participará a compañía de danza Cristina Vilariño e haberá exposicións, documentais, roteiros poéticos, contacontos... e música. Tamén hai música no Festival dos Eidos, con Ultraqans, o rapeiro Hard GZ, Mounqup, The Alley Stompers, Canela Cafuné e Ico Sonoro.

A terceira edición deste festival celebrarase entre os días 25 e 27 de agosto nun entorno privilexiado, entre a Casa da Fonte en Parada (sede da Fundación Novoneyra), o Souto da Rubial e as montañas do Courel. Esta proposta cultural explora os límites da literatura expandida, os vínculos e interaccións entre a poesía e outras expresións artísticas, en especial a música e as artes escénicas, así como a súa relación co territorio e o medio natural, neste caso marcado como está polo xenio do artista que inspira este evento, Uxío Novoneyra, e que organiza a súa fundación.

Comentarios