Festival de contidos dixitais entre o 4 e o 7 de abril

‘Youtubers’, webseries, obradoiros e concertos no Carballo Interplay

A quinta edición do Carballo Interplay acaba de apresentar o cartaz da súa sección oficial, que escolleu 42 propostas entre as mais de 250 que chegaron de todo o globo. A directora do festival, Sonia Méndez, e a responsábel da gala e webseries, Sandra Lesta, anunciaron esta cuarta feira que o evento, que terá lugar do 4 ao 7 de abril, repartirá máis de 5.000 euros en premios.

Carballo Interplay
photo_camera Imaxe do Carballo Interplay de 2017.

O bloque galego –que conta con tres propostas en lingua galega–, o estatal –cunha ducia de obras– e unha categoría internacional –con 27 webseries que chegan desde lugares tan dispares como Nova Zelanda, Chile, Líbano ou Finlandia– competirán por cadanseu premio de 800 euros. O xurado encargado desta decisión estará composto polo guionista e realizador Carlo Pardial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, a directora Anxos Fazáns e o guionista Óscar Cruz.

Alén disto, o público entregará tamén un premio propio de 400 euros que será escollido a través dos seus votos e, como novidade desta edición, o Carballo Interplay contará cun xurado novo que decidirá outro premio de igual retribución. Este estará conformado pola youtuber Nuria Espasandín, o músico Cristian Andrade, a ilustradora Laura Tova e o DJ e programador do Xiria Pop Maikel Pérez. Unha vista panorámica das tendencias en webseries Arxentina, Canadá, Estados Unidos, Francia, Holanda, Italia, México… O festival amosará un escaparate da actualidade en contidos dixitais a nivel global. A meirande parte das pezas son en lingua española, aínda que tamén hai espazo para creacións en albanés, árabe, danés ou italiano. Todas estas pezas serán proxectadas no Auditorio da Casa de Cultura de Carballo, onde o público poderá gozar –de forma gratuíta– con dramas, comedias, dramedias, documentais, thrillers, romances ou historias de horror.

A equipa do festival non só organiza este escaparate das últimas tendencias, senón que tamén fomenta a creación en galego cun premio a maiores a proxectos de webseries en galego. Este sábado 18 remata o prazo para apresentar propostas, que deben cumprir os requisitos de ser en galego, pensadas en capítulos –mínimo tres– para seren difundidas nun medio web. O premio, cunha retribución económica é de 1.500 euros, será resolto cun pitching en directo e comprometerá a súa proxección pública na vindeira edición do Interplay.

Aprender a entreter: unha batería de obradoiros

Fóra da programación audiovisual, o Carballo Interplay tamén ofrecerá actividades formativas. Así, o público poderá aprender sobre a produción, xestión e difusión de contidos nativos de Internet con representantes de entidades como PlayZ, Flooxer, Globomedia, VICE España, Playground ou mesmo da man de youtubers de sona estatal como Carolina Iglesias (Percebes y Grelos), Abigail Frías (Abi Power) e Beatriz Cepeda (Perra de Satán).

Comentarios