O festival de contacontos Atlántica volve este marzo

Vinte artistas convidados á cuarta edición deste evento de narración oral que se celebrará en Compostela do 12 ao 17 de marzo. 

Quico Cadaval nunha edición anterior do Festival Atlántica.
photo_camera Quico Cadaval no Festival Atlántica

O Festival Atlántica de Narración Oral chega á súa cuarta edición cun programa cargado de historias e novidades. Bares, teatros e entidades de Compostela encheranse de historias entre o sábado 12 e o xoves 17 de marzo, cunha diversa participación de contadores profesionais latinoamericanos (Cuba, Perú, Colombia) e unha nutrida representación portuguesa (Lisboa, Azores e Tras-os-Montes). Con vinte artistas convidados, Santiago de Compostela converterase en marzo na capital da palabra a nivel galego e estatal. 

Este ano o Festival Atlántica contará con algunhas dos narradores máis importantes do mundo das linguas galea, portuguesa e española. Deste xeito, a amazónica Cucha del Águila (Perú) traeranos o seu traballo comprometido coas mulleres da selva e a ameazada ecoloxía do bosque ecuatorial. A colombiana Carolina Rueda, considerada unha das mellores contadoras do mundo pola crítica e os profesionais, amosaranos o seu amplo repertorio e o cubano Aldo Méndez dará conta da fusión entre a palabra e as outras grandes artes.

Xunto a estes tres narradores latinoamericanos, Atlántica 2016 prestará atención este ano a Portugal a partir da presenza de Vítor Fernándes (Tras-os-montes), Ana Sofia Paiva (Lisboa) e Valter Peres (Azores), do resto do Estado, como Marián Colina (Madrid) e unha ampla presenza galega, encabezada por Quico Cadaval e que conta con Caxoto, Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Ángeles Goás, Avelino González, Fátima Iglesia Villamel, Cándido Pazó, Charo Pita, Raquel Queizás, Vero Rilo e Gema Santos.
 

Comentarios