O festival de cómic ‘Viñetas desde o Atlántico’ cumpre 25 anos na Coruña

21 artistas exporán as súas obras na cidade.

Inés Rei e Miguelanxo Prado, director do festival. (Foto: Europa Press)
photo_camera Inés Rei e Miguelanxo Prado, director do festival. (Foto: Europa Press)

A edición número 25 do Salón Internacional do Cómic 'Viñetas desde o Atlántico' decorrerá na Coruña do 8 ao 14 de agosto con máis de 20 debuxantes invitados. Coincidindo co vixésimo quinto aniversario, Correos emitiu un selo ilustrado co cartel oficial desta edición, realizado polo director do festival, Miguelanxo Prado.

"A edición deste ano pretende ser un resumo do que foron estes 25 anos cun proxecto moi claro e moi definido", explicou Prado no acto de presentación da programación do ‘Viñetas desde o Atlántico deste ano’, no que estivo acompañado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rei; o presidente da Sociedade Filatélica da cidade, José Luis Rei; e o director da Oficina de Correos da Coruña, Francisco Javier Varela Castro.

A Coruña acollerá 21 debuxantes para expor as súas obras na cidade. Entre os nomes dos convidados e convidadas atópanse as novelistas gráficas galegas Alicia Jaraba e Emma Ríos,  e “referentes do manga español” como Fidel de Tovar e Dani Bermúdez. "Unha mestura de artistas noveis e talentos consolidados nunha aposta polo pasado, o presente e o futuro da arte do cómic", sinalou Miguelanxo Prado.  

Ás exposicións situadas no Quiosco Alfonso, Palexco, Sala de Exposicións do Pazo de María Pita ou o Aquarium Finisterrae, que acollerán as mostras dos e das artistas, sumarase a Torre de Hércules. O monumento será escenario dunha exposición cos carteis das 25 edicións de 'Viñetas desde o Atlántico' coa que o público poderá repasar a historia do tradicional evento "nunha edición que pretende ser o resumo de todos estos anos, recollendo a esencia e filosofía nunha mostra única en España".

Novidades da mostra

Aliás, na sala de exposicións Salvador de Madariaga levarase a cabo a mostra 'Nós seis' de Julia Lago, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada.

Xunto a ela estará a exposición 'María Casares. En tres actos', aberta ao público a pasada semana e que recolle unha mostra do cómic homónimo editado polo Concello sobre a vida da actriz, “nunha aposta do Goberno de Inés Rei pola banda deseñada para a divulgación da figura da artista no marco do Ano Internacional María Casares”.

Como novidade nesta 25 edición estrearase unha nova figura, a de Esther, personaxe deseñada por Purita Campos, que pasará a formar parte do elenco que percorre as rúas para animar os máis pequenos a coñecer as 'Viñetas'.

Batman, Spiderman, Astérix e Obélix ou Pitufina terán unha compañeira máis a partir deste ano, “recuperando unha das figuras do cómic máis recoñecidas”.

Comentarios