Cinema

O Festival de Cans reflexiona sobre o seu futuro no foro Focus Cans

As conclusións deste traballo, serán publicadas nun libro na colección Handbook of Inmersive Arts & Media da editorial Routledge.
Coloquio no torreiro con David Trueba na última edición do festival.
photo_camera Coloquio no torreiro con David Trueba na última edición do festival.

O Festival de Cans reflexiona estes días pausadamente sobre o seu pasado recente e o seu futuro, a través de “Focus Cans”, un foro promovido polo propio festival e a University of Saint Louis. Os grupos de traballo están coordinados pola profesora e investigadora Rosana Vivar, e neles participan veciños, membros históricos da organización, escritores, xornalistas, actores ou público habitual do certame. Este público e algúns dos membros do encontro foron seleccionados a partir dun traballo de campo de máis de 200 enquisas realizadas nos días do festival por catro alumnos da University of Saint Louis, que estiveron presentes en Cans baixo a coordinación da profesora Vivar. Até vinte persoas de diferentes perfís reunirá este encontro.

Entre as persoas que forman parte destes encontros están o actor Eduardo Rodríguez, “Tatán”, último chimpín de prata do certame, a escritora Iria Misa, que prepara un libro de literatura xuvenil cuxa trama acontece na aldea ou a xornalista cultural Mar Mato, que cubre habitualmente o certame. Tamén estarán creadores audiovisuais como Carlos Lago “O Terser Home”, que este ano presentou unha exposición no marco do festival, persoas que levan asistido como público a numerosas edicións do certame como a especialista en interpretación do patrimonio Isabel Fernández, ou membros históricos da organización como César Lourido, primeiro presidente da Asociación Arela, organizadora do festival, xunto co responsábel da estratexia dixital Iago Leirós ou a actual Presidenta, Keka Losada. 

Todos eles reflexionarán nestas mesas con veciñas e veciños que prestan casas e colaboran habitualmente co certame, co obxectivo de recoller opinións desde diversos ámbitos, “que axuden a trazar un mapa etnográfico do festival, analizar as relacións entre a cultura e o territorio e provocar unha reflexión pausada sobre a dimensión do festival e os seus retos de futuro”, segundo manifestou Rosana Vivar, investigadora e coordinadora estas xornadas.

Esta profesora, que desde hai meses traballa en abrir novas vías de catalogación do certame a partir dos seus arquivos históricos, xa realizou un relatorio sobre o festival o pasado ano no Congreso Resources, na University Ca´ Foscari de Venecia, un encontro internacional sobre a Historia da Arte multimedia, as ciencias e a tecnoloxía.

As conclusións deste traballo, que se está rexistrando en vídeo, serán publicadas nun libro na colección Handbook of Inmersive Arts & Media da editorial Routledge, un prestixioso selo de referencia no mundo científico e académico internacional. A publicación forma parte dun proxecto máis amplo de investigación impulsado pola University of Nottingham, en Inglaterra.

As conclusións deste traballo, serán publicadas nun libro na colección Handbook of Inmersive Arts & Media da editorial Routledge, un prestixioso selo de referencia no mundo científico e académico internacional. A publicación forma parte dun proxecto máis amplo de investigación impulsado pola University of Nottingham, no Reino Unido. 

Comentarios