Edición expandida

O Festival de Cans espállase por todo o país

Cans Expandido é un formato inédito que servirá para levar as curtametraxes que participaron nas seccións de ficción e animación da XVII edición, celebrada a pasada semana, a nove salas de cinema de toda a Galiza.
Festival de Cans (Alberto Barahona).
photo_camera Festival de Cans (Alberto Barahona).

O Festival de Cans bota a andar mañá Cans Expandido, un formato inédito que servirá para levar as curtametraxes que participaron nas seccións de ficción e animación da competición oficial da XVII edición, celebrada a pasada semana, a nove salas de cinema de toda a Galiza.

Este proxecto ten o obxectivo de incrementar a visibilidade das pezas, ante a redución de capacidade que tivo que aplicar o evento para adaptarse á normativa para a prevención da Covid-19. Os filmes chegarán desta maneira a oito cineclubes e mais á sala de proxeccións do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), na Coruña.

As proxeccións comezarán mañá en Cangas, Vilagarcía de Arousa e Vigo. O día 10 chegarán ao CGAI e ao cineclube Groucho Marx do Barco de Valdeorras. O día 11 de setembro pasarán por Os Papeiros de Chantada e, por último, o día 12 poderán verse nas salas dos cineclubes Val Miñor AG de Nigrán, no Padre Feijoo de Ourense e no cineclube do Carballiño.

Máis difusión, máis apoio ás autoras

Esta iniciativa innovadora permitirá levar as obras proxectadas no festival do Porriño a máis de 1.050 butacas. En cada unha das sesións exhibiranse as 13 curtametraxes da sección oficial de ficción e animación, cun prezo de 4 euros, e a suma total da billeteira destinarase a un novo premio, non recollido nas bases, outorgado por un xurado integrado por membros dos cineclubes galegos.

Este galardón facilita xerar un apoio económico adicional para o equipo que desenvolveu o filme. O proxecto Cans Expandido tamén contempla a difusión en liña e mediante pago por visión na web do certame entre os días 13 e 17 deste mes.

Comentarios