Nova edición do Sete Falares en Pontevedra do 18 ao 27 de xuño

O Festival Atlántica leva a narración oral a 27 concellos cun total de 35 artistas

O verán chega a Galiza cargado de narración oral. Desde o 18 até o 27 de xuño decorre en Pontevedra o Sete Falares, e no mes de xullo chegará a 27 concellos o Festival Internacional Atlántica que dirixe a contadora Soledad Felloza.
EuropaPress_3782302_presentacion_ix_edicion_festival_internacional_narracion_oral_atlantica
photo_camera Desde a dereita, o deputado Xurxo Couto, a narradora Soledad Felloza e o secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo. (Foto: Europa Press)

A IX Edición do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica presentouse na xornada de hoxe na Cidade da Cultura de Compostela, nun evento no que participaron a directora do festival, a narradora Soledad Felloza; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galiza, Anxo Lorenzo; o deputado de Cultura, Xurxo Couto; e a concelleira compostelá, Marta Abal, en substitución da responsábel de Cultura, Mercedes Rosón.

Durante a súa intervención, Soledad Felloza explicou que o festival vai percorrer durante este verán un total de 27 concellos da man de 35 artistas chegados do Brasil, Portugal, Guinea e o resto do Estado español que se unirán ás narradoras galegas.

A directora do festival adiantou algunhas das obras que se narrarán en diversas partes do territorio como O sangue das pantasmas, de Manuel Gago, ou O retorno dos homes mariños, de Xurxo Souto. Así mesmo, afirmou que "a imaxe se suma á palabra" coa pintora Leticia Ruifernández e a súa obra Caderno de últimas voces.

O IX Festival Atlántica vai decorrer integramente ao aire libre e tomará parte no "rico patrimonio material" de Galiza, afirmou Felloza, como as Torres de Altamira en Brión; o castro de Castrolandín en Cuntis; ou o claustro do Museo do Pobo Galego, en Compostela.

O obxectivo deste 2021 é o de chegar a 435.000 persoas asistentes ao festival, segundo as cifras estimadas pola directora.

Soledad Felloza explicou que a partir da próxima segunda feira se poderán facer as reservas por medio de Eventbrite para acudir aos espectáculos. Ademais, a web do festival conta cun  mapa interactivo das as sedes xeolocalizadas e información adicional dos concellos, así como un caderno de a bordo de 36 páxinas coas persoas colaboradoras.

Dezasete contadores de historias no Sete Falares

O palco da música da Alameda e a praza da Pedreira, en Pontevedra, son os escenarios nos que decorre do 18 ao 27 de xuño o Festival Sete Falares. Un evento organizdo polo colectivo Pavís Pavós e promovido polo Concello de Pontevedra.

Ademais de Pavís Pavós, contarán as súas historias outras narradoras galegas como Charo Pita, Celso Fernández Sanmartín, Cris de Caldas, Divas de Dián, Marta Ortiz e Sofía Espiñeira, Lois Pérez, Paula Carballeira e Soledad Felloza.

A presenza internacional de Sete Falares chega da man de Miguel Horta e Antonio Fontinha, desde Portugal; Martha Escudero, desde México; e Eugenia Manzanera, desde Salamanca.

Comentarios