O Festival de Almada presenta unha vintena de propostas escénicas até o 18 de xullo

O Centro Dramático Galego presenta, o día 14, o espectáculo 'Manuela Rey is in da House'.
'Relative Calm', de Robert Wilson e Lucinda Childs.
photo_camera 'Relative Calm', de Robert Wilson e Lucinda Childs.

Esta quinta feira daba comezo a 41ª edición do Festival de Teatro de Almada, que se esténderá até o 18 de xullo e que este ano contará no seu programa con algúns dos nomes que foron determinantes na evolución do escena das últimas décadas.

Esta edición tamén marca a volta do teatro galego ao festival, coa presenza na programación, o vindeiro día 14, da produción do Centro Dramático Galego (CDG) María Rey is in da House, que recupera a figura de Manuela Rey, unha actriz de Mondoñedo que, a mediados do século XIX, se converteu nunha estrela da escena portuguesa.

A peza parte dunha imaxinada iniciativa para rehabilitar a casa natal de Manuela Rey, coa intención de instalar un museo evocador da súa memoria. O espectáculo  combina teatro, danza e a música de Xosé Lois Romero para configurar unha reflexión "sobre o oficio do teatro, sobre a memoria e sobre como o paso do tempo configura a nosa visión".

Nesta primeira semana de festival, Almada acollerá espectáculos como 1001 Noites - Irmã Palestina, unha colaboración da coreógrafa Olga Roriz e o director João Brites que transporta a historia de Sherezade á actualidade, a través da presenza de Maria Dally, bailarina palestiniana, orixinaria de Kfar Yasif.

Desde Italia, chegará a histórica compañía milanesa Carlo Colla e Figli con A tempestade, unha versión para monicreques da icónica obra de Shakespeare, con gravacións en audio a carga de Eduardo De Filippo, quen traducira no seu día a obra do inglés ao napolitano.

Cabe destacar tamén a presenza de Olivier Py, director do Festival d’Avignon entre 2013 e 2022, que achega un cabaré no que trae o seu alter ego das tres últimas décadas, Miss Knife, con cancións escritas por el.

A partir da quinta, o festival entrará na súa fase máis espectacular con creadoras como Peter Stein, Robert Wilson e Lucinda Childs, Josef Nadj, Mathilde Monnier ou un espectáculo de Samuel Achache baseado nos Lieder de Schumann, nunha produción do mítico teatro de Peter Brook, o Bouffes du Nord.

Comentarios