A Casa de Rosalía acolle o 17 de xullo unha nova edición do festival Abride a Fiestra

Música, literatura, visitas guiadas e moitas máis actividades integran un completo e variado cartel.
Edición de 2018 do festival Abride a Fiestra. (Foto: Casa de Rosalía)
photo_camera Edición de 2018 do festival Abride a Fiestra. (Foto: Casa de Rosalía)

O domingo 17 de xullo decorrerá na Casa de Rosalía (Padrón) unha nova edición do festival e xornada de portas abertas 'Abride a Fiestra', organizado pola Fundación Rosalía en colaboración co Concello de Rois e co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Padrón, a Consellaría de Cultura e Turismo, Gadis e mais a Adega Paco&Lola.

Múltiples actividades destinadas a todos os públicos completan un cartel que presenta como acto inicial unha visita guiada pola Horta de Rosalía da man de Carlos Dacal, contra as 11 horas.

Logo virá un relatorio no que Xurxo Martínez e Henrique Alvarellos conversarán sobre Querida liberdade, a obra que analiza a vida e obra de Antolín Faraldo. Xa ás 12 horas, e de forma simultánea, Brais das Hortas dará un concerto para o público infantil, mentres Pepe Barro, deseñador de Nós Diario, fará unha visita guiada pola Casa de Rosalía.

Participarán no evento Pepe Barro, deseñador de 'Nós Diario', e Pepe Carreiro, debuxante do xornal

Xesús Fraga presentará o libro Virtudes (e misterios) ás 12.30 horas, e media hora despois Manuel Lorenzo Baleirón fará de guía novamente pola Casa cun roteiro para o público familiar, que culminará —ás 13 horas— co concerto de Lamontagne & Picoamperio. Contra as 13.30 horas, Antón Patiño e Menchu Lamas conversarán arredor de A mirada Atlántica, e para rematar a xornada de mañá, ás 14 horas haberá unha cata e cooperativismo con Paco & Lola, impartida polo enólogo Cayetano Otero.

Após o tradicional xantar na horta, ás 17 horas proxectarase a curtametraxe A rosa incandescente, de David Vázquez, que ofrecerá un coloquio con Ana Gesto, responsábel do vestiario, Lara Naveiro, maquillaxe e caracterización, e Anxos García Fonte, guionista. Pasada media hora a agrupación Ío impartirá un obradoiro de astronomía e, de forma paralela, haberá unha nova visita guiada pola Casa, que se repetirá tamén ás 18.30 horas.

Contra as 18 horas presentarase o proxecto de audiolibros da prolífica autora Es ti que cantas, e logo virá unha regueifa con Luís O Caruncho e Lupe Blanco máis as Regueifeiras da Semente. Cumpridas as 19 horas será a quenda do recital de Rompente, da man de Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manolo Romón. Fecharán a xornada o contacontos Quico Cadal (19.45h), un concerto de Leilía (21h) e, por último, a observación da estrela que leva o nome de Rosalía de Castro da man de Ío.

Haberá, aliás, unha feira de produtos rosalianos, a exposición 'O herbario de Rosalía' e máis o debuxo que fará alí mesmo da escritora o debuxante de Nós Diario Pepe Carreiro.

Inchadiña Branca Vela

Mais a festa principiará un día antes, o sábado 16, cando a Fundación Rosalía organiza o evento 'Inchadiña Branca Vela' na memoria de Parada, con saída de Vilarello (Valga) ás 16.30 horas e chegada unhas dúas horas despois ao espolón de Padrón, previo paso polas brañas de Laíño e a veiga de Lestrobe, en Dodro.

Comentarios