Doce certames son os fundadores

Os festivais de cinema constitúen unha coordinadora para “visibilizarse”

Na Galiza dos últimos anos proliferan os festivais de cinema. O seu impacto cultural, social e mesmo económico é evidente. Pero, a dicir dos seus promotores, non abondo comprendido. Desta realidade partiron a ducia de certames que esta terza feira presentaron a coordinadora Proxecta.
 

presntación de proxecta - @GaliciaCrea
photo_camera Presentación da coordinadora de festivais Proxecta. Na mesa, de esquerda a dereita, Pela del Álamo (Curtocircuíto), Ángel Sánchez (Play-Doc), e Ana Estévez (Mice). Foto: @GaliciaCrea

“Desde hai 15 anos, máis ou menos, existe en Galiza unha xeografía de festivais cunha enorme repercusión”, explica a Sermos Galiza o presidente de Proxecta e director do Play-Doc de Tui, Ángel Sánchez, “coa coordinadora de festivais queremos visibilizar o noso traballo e tamén servir de interlocutora coas administracións”.

Non é tanto, engade, que as institucións infravaloren os encontros cinematográficos como que “non entenden ben a dimensión do seu traballo”. Sánchez insiste na “transversalidade” do seu labor: un festival esténdese alén dos días en que se celebra. “Xeramos espectadores críticos; estamos involucrados na formación con colexios e institutos; servimos de aglutinadores de fenómenos artísticos como o Novo Cinema Galego”, di.

Tamén hai cifras. Os 12 festivais fundadores da coordinadora aducen que a pegada económica da súa actividade excede o millón de euros. Recibiron 70.000 espectadores e espectadoras e contrataron uns 300 traballadores e traballadoras.

Ademais do Play-Doc, na directiva de Proxecta. Coordinadora Galega de Festivais de Cinema sentan representantes da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, de Curtocircuíto, do Festival Internacional de Curtas de Bueu, do Chanfaina Lab de San Sadurniño, do Festival de Cans e do Cinema Crianza de Ames.

“É outra peculiaridade dos festivais galegos”, expón Ángel Sánchez, “a súa enorme diversidade, a súa gran riqueza, que contribúe ao seu impacto social e a estabelecer diálogo entre eles”. En todo caso, nada máis darse a coñecer a iniciativa de coordinación, outros certames e mostras amosaron o seu interese: “Somos xa arredor dunha vintena”. Segundo o seu cálculo, en Galiza hai 32 festivais.

Proxecta xa mantivo unha xuntanza coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta e en breve tamén o farán coas deputacións da Coruña e Pontevedra. Entre os seus obxectivos tamén se acha a “necesidade de que as relacións coas administracións sexan máis fluídas, transparentes e igualitarias” e contribuír a “mellorar o seu funcionamento. Como temos que mellorar o noso, por suposto”.  

Comentarios