Cultura

Os festivais de artes escénicas reclaman medidas especiais

O sector pide que se adapten as axudas á realidade
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia,
photo_camera Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia,

Os festivais de artes escénicas da Galiza, aglutinados na plataforma Afearte, remiten unha serie de medidas encamiñadas a superar a crise sanitaria da COVID-19. A súa solicitude fundamental céntrase na coordinación e consenso entre as institucións públicas.

Igualmente, piden que as Administracións, desde o eido local ao nacional, exercendo as competencias pertinentes, "cando sexa posíbel retomar as actividades culturais, faciliten tanto ao público como á organización dos festivais os recursos, a seguridade, a flexibilidade burocrática e o estímulo para poder tender a certa normalización". Neste senso, chaman á "transparencia e ecuanimidade" da Xunta, e pregan un trato inclusivo e de representatividade nas reunións que se vaian desenvolver.

Afearte considera que os festivais serán "un ben moi construtivo e desexado para a sociedade e a economía despois desta crise, como motor de reactivación". Por iso, reclaman que se manteñan os orzamentos destinados a eles e, no caso de non poder levarse a cabo en 2020, se incrementen en 2021 as partidas dirixidas a estas actividades. Igualmente, optan por adaptar tecnicamente e flexibilizar a convocatoria de axudas.

A isto súmase a demanda de ampliación do prazo de execución das subvencións máis alá do exercicio económico de 2020, para ter en conta posíbeis aprazamentos ou modificacións do plan de actividades. Por último, fan fincapé na necesidade de prover do marco persoal e material que permita desenvolver os protocolos de limpeza e sanidade para garantir a seguridade nos eventos.

Comentarios