TERá LUGAR O 24 E 25 DE XULLO NO CAMPUS SANTIAGUéS

O Festigal xa ten cartaz

O Festigal 2016 apresentou esta mañá as actividades e grupos que estarán presentes na súa décima quinta edición. O festival desenrolarase durante a noite do 24 de xullo no Campus Sur de Santiago de Compostela, coincidindo co Día da Patria. 

Os músicos estiveron presentes na Galería Sargadelos para a presentación.
photo_camera Os músicos estiveron presentes na Galería Sargadelos para a presentación. Foto: Cedida

A primeira banda en soar e, que polo tanto, abrirá esta edición do Festigal será Esposa, unha agrupación novel que tocará despois de ter gañado o concurso de Novos Valores Festigal. Esta banda iniciará a súa actuación ás 22.30 horas, abríndolle o paso a Poetarras, co seu estilo irónico e irreverente. A noite proseguirá coa música de Kepa Junquera & Sorgionak, que non só tocarán o seu disco Galiza, senón que ofrecerán moito do seu repertorio. A madrugada entrará de pleno cos ventos roqueiros de Biribirloque e, por último, Arrhytmia serán os encargados de fechar a cerimonia.

O día seguinte comezará moito máis cedo e terá entretemento continuo coa Charanga Os Campantes de Baña e cun espectáculo de maxia de Martín Camiña. As propostas musicais chegarán co “café concerto” as 17.30 horas da man de Falua, Aldaolado, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel e rematarase, xa na noite do 25, con Fanfarria Taquikardia.

O festival aposta por ser escaparate da cultura galega

A proposta cultural tamén estará presente no Campus Sur universitario de Santiago de Compostela coa Galería das ideas, un espazo onde se presentarán libros e se organizarán mesas redondas. Esta galería xirará en torno a un fío argumental marcado polas figuras de Castelao, Manuel María ou as Irmandades da Fala, as cales teñen un grande peso neste ano 2016. Ademais, a festa estará aderezada coa presenza de numerosos postos artísticos e artesáns.

O festival aposta por ser escaparate da cultura galega, poñendo un especial interese no potenciamento das bases e no xerme de novas agrupacións. Deste xeito, as bandas que conforman o cartaz caracterízanse por levar na súa identidade a música e a cultura galega, incorporando innovacións á tradición. Asimesmo, tamén volve ter presenza a cultura de nacións irmáns coa música de raiz euskera de Kepa Junquera.

O cartaz foi apresentado pola comisión organizadora do FestiGal entre a que se atopan os membros da fundación Galiza Sempre, representada por Tania Ameneiro, e da organización Galiza Nova, en nome da cal estiveron Olalla Rodil e Alberte Meira.

Comentarios