O Festigal pide voluntari@s

Son cen actividades, milleiros de asistentes e dous días de festa continuada. O Festigal move moita enerxía e precisa tamén mans que colaboren. Desde a organización piden colaboración para formar parte do voluntariado. 

mans

Ruxe Ruxe, Sokram, Familia Caamagno, Superoito, Caxade, Carapaus, Habelas Hainas, Maianas, O Mago Antón e Ibuprofeno teatro subirán ao escenario do Festigal mais a súa beira, debaixo, entre a xente, nas barras, atendendo preguntas... haberá moitos máis protagonistas dos que, polo de agora, se descoñecen boa parte dos nomes. Son o voluntariado do Festigal, enerxía imprescindíbel para estes dous días de festa arredor do Día da Patria no que ademais de concertos desenvólvense multitude de actividades desde presentación de libros a debates ou mostra de artesanía. 

Os días 24 e 25 de xullo, no campus sur de Santiago de Compostela, chega unha nova edición deste festival no que se sinte a cultura da Terra, que é festa e tamén encontro recoñecido de música e cita para se atopar no entorno do Día da Patria. Desde a organización, insisten en que, que cada anos se desenvolva un novo Festigal débese ao compromiso de voluntariado, na súa maior parte xente nova, que dedican o seu tempo a contribuír, na medida das súas pobilidades neste grande evento cultural e festeiro. 

Convivir e contribuír

Que gañan? Pois saberse integrantes da organización dun evento de referencia, convivir con outr@s voluntari@s cos que comparten as mesmas inquedanzas, zona de acampada e outras facilidades e, para a organización, a gratificación de partillar dun traballo en equipo de maneira solidaria “con rebeldía e con alegría, coa satisfacción de axudar a construír unha Galiza con entidade de seu”. 

Animan, polo tanto, a se anotar como voluntari@ e se implicar na organización do Festigal nas distintas quendas e nas diferentes áreas de colaboración para o que solicitan que se anote na súa web. 

Comentarios