Festigal, A Cada Canto, Nao ou Ataque Escampe entre os Premios Martín Códax da Música

O Festigal, A Cada Canto, Ataque Escampe ou Nao son algunhas das propostas gañadoras dos Premios Martín Códax da Música que, na súa segunda edición, foron desvelados na festa de entrega que se desenvolveu esta cuarta feira no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

O Festigal no fotocol
photo_camera O Festigal no fotocol

Chegaban a súa segunda edición e conseguiron, outra volta, acaparar a atención do mundo da música. Os Premios Martín Códax da Música, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo foron entregados nunha cerimonia cunha clara reivindicación da presenza das mulleres que chegou da man das Fillas Bravas de Chévere e as pandereteiras da Maía “Maianas” ademais do dúo punk feminino Bala, a batería de jazz Lucía Martínez e a pianista de clásica Brenda Pián. 

Protagonistas foron as propostas gañadoras en cada unha das distintas modalidades que recolleron as estatuínas creadas polo músico e escultor Víctor Lorenzo. O Festigal, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre cada 24 e 25 de xullo en Compostela desde 2002 fíxose co Premio Organistrum Festivais na súa primeira edición, novidade que compartía co recoñecemento ás salas que recaeu en Aturuxo ou o de Espazos de Comunicación Musical que foi dar en Planeta Furancho da Radio Galega, conducido por Vituco Neira. 

"O Festigal, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre cada 24 e 25 de xullo en Compostela desde 2002 fíxose co Premio Organistrum Festivais na súa primeira edición"

Nas modalidades musicais, Davide Salvado confirma o seu extraordinario ano co premio á mellor música tradicional galega mentres Cuarteto Caramuxo triunfou no apartado de folque. A proposta de Guadi Galego, Xabier Díaz Guillerme Fernández e Xosé Luís Romero, A Cada Canto, que neste ano  musicaron poemas de Rosalía foi a escollida como canción de autor e Sumrá, de Martínez Antelo ou Legido entre os seus compoñentes, como mellor banda de jazz. En música infantil, impúxose Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc, con dous díscos publicados de grande suceso. 

N.H.U, de honra

Ataque Escampe en pop e indie, Cró en rock, Cats and Monkeys en blues, funk e soul, Nao en metal, Sub Rosa para electrónica,  Zaramandi en reggae, ska e mestizaxe e Wöyza en hip-hop e músicas urbanas recolleron tamén galardóns nesta segunda edición dos premios. A votación de socios e socias de Músicos ao Vivo optaron pola Orquestra Vigo 430 como mellor proposta de música clásica e contemporánea, por Los Satélites como mellor orquestra e Dos fíos invisibles chegan as cores, de Mónica de Nut no apartado de músicas do mundo. 

O Premio Honorífico Músicos ao Vivo, o único que se coñecía xa antes do acto de entrega, recoñeceu á banda de rock progresivo de Santiago N.H.U. A organización valorou “a valentía, a ousadía e a fe dun grupo galego que trazou novas formas de facer musica nunha Galiza recén saída da ditadura franquista”. 

Premios

Pop e indie: Ataque Escampe 
Rock: Cró 
Blues, funk & soul: Cats and Monkeys 
Jazz e músicas improvisadas: Sumrrá 
Hip-Hop e músicas urbanas: Wöyza 
Música clásica e contemporánea: Orquestra Vigo 430 
Folque: Cuarteto Caramuxo 
Música tradicional galega: Davide Salvado 
Músicas do mundo: Dos fíos invisibles chegan as cores 
Canción de Autor: A Cada Canto 
Música infantil: Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc 
Electrónica: Sub Rosa 
Metal: Nao 
Reggae, Ska & Mestizaxe: Zamaramandi 
Orquestras, grupos e música de verbena: Los Satélites 
Premio Organistrum Salas: Aturuxo 
Premio Organistrum Festivais: Festigal 
Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Planeta Furancho 

Comentarios