As festas do Apóstolo Santiago

O pasado 20 de xullo comezaron as festas do Apóstolo deste verán 2021, unha celebración moi agardada despois da súa cancelación o pasado ano. O programa cultural desta festividade conta cunha gran variedade de actividades que van desde actuacións musicais até shows na rúa. Como cada ano, os fogos de artificio da noite do 31 pecharán as festas e o mes.
Fogos do Apóstolo este 24 de xullo. (Foto: Arxina).
photo_camera Fogos do Apóstolo este 24 de xullo. (Foto: Arxina).

As festas do Apóstolo Santiago, quizais a celebración máis importante da Galiza e desde logo a máis agardada do ano, abranguen a segunda quincena de xullo. Debido á situación pandémica, as festas foron canceladas por primeira vez en 2020, despois de séculos rendendo homenaxe ao santo, polo que se iniciou a vía de peregrinación máis universal, o Camiño de Santiago.

Santiago de Compostela é recoñecida como unha das tres cidades santas despois de Xerusalén e Roma. 

Por isto milleiros de persoas de todas as partes do mundo visitan a capital galega ao longo do ano, principalmente a través dalgún dos camiños de Santiago oficialmente recoñecidos. 

Semella case un rito chegar a Compostela e observar a catedral desde a praza do Obradoiro, que acolle maior número de peregrinos en datas tan sinaladas como as das dúas últimas semanas de xullo, nas que a cidade celebra cada ano as súas festas grandes en honor a Santiago 'O Maior', con numerosos acontecementos e actividades: teatro, concertos, concursos, desfiles ou fogos de artificio, que fan desta conmemoración un dos maiores atractivos da cidade, cuxo santo patrón, que tamén o é da Galiza e do Estado, recibe unha ofrenda desde o ano 1643.

A orixe da festividade

O 25 de xullo, á par que se conmemora o Día da Patria Galega, tamén se celebra a ofrenda a Xacobe ou Santiago 'O Maior', coñecido como o Apóstolo Santiago, un dos doce 'fieis seguidores' de Cristo. 

A orixe desta festividade remóntase ao século IX, pois foi durante o reinado de Afonso II que comezou a consolidación da monarquía na Galiza altomedieval, a pesar de ser chamado polos historiadores decimonónicos españois “rei de Asturias” polo de negación que había do reino da Galiza.

Este rei galego, canda o tamén galego bispo Teodomiro, de Iria Flavia, e o ermitán Paio foron os artífices da descuberta da tumba do apóstolo Santiago.  Naquela altura, a Gallaecia era un territorio non ocupado pola expansión musulmá que se estendera pola Península no século VIII, de aí a necesidade de facerlle fronte coa creación dunha igrexa no único territorio peninsular cristián.

A 'casual' descuberta dos restos de Santiago 'O Maior' en Compostela supuñan o inicio do culto ao santo e das peregrinacións que o reino cristián da Galiza precisaba para consolidarse.

Até o ano 1080 a festa de Santiago celebrábase o 30 de decembro. Será no século XI cando a liturxia romana recolla o 25 de xullo como día de Santiago Apóstolo, deixando o 30 de Nadal para a festa da Translación, que conmemora o transporte dos restos de Santiago até o lugar no que se descubriran no século IX, Compostela, que a partir de entón converterase na cidade de Santiago de Compostela, lugar de peregrinaxe á altura de Roma e Xerusalén. 

Conta a tradición popular que os restos do Apóstolo foran trasladados desde Palestina até a Galiza de maneira absolutamente milagreira, nunha barca de pedra, remontando pola ría de Arousa, coa intervención da raíña galaica Lupa, con fortaleza no castro Lupario, e coa axuda duns touros bravos que tornaron bois mansos e levaron os restos de Santiago 'O Maior' desde Bastavales a Compostela. 

No século XII, o arcebispo Diego Xelmírez encherá de gloria e prestixio a cidade compostelá como corazón do reino da Galiza. 

Entre outras cousas, logrou do Papa o privilexio do perdón dos pecados para quen peregrinase a Compostela o ano en que o 25 de xullo coincidise en domingo, grazas que só outorgaba a igrexa de Roma en anos xubilares, é dicir, cada vinte e cinco anos. Trátase da bula Regis aeterni, a máis antiga que se conserva. Tamén se debe a Xelmírez a elaboración a cargo dos relixiosos da orde de Cluny do Códice Calixtino, libro referencial do xacobeo, que no século XV foi parcialmente traducido do latín ao galego e pasou a ser coñecido como os Miragres de Santiago, recollendo unha Guía do Peregrino, considerada hoxe a primeira guía turística europea. 

Agora ben, a ofrenda ao Apóstolo Santiago e o espectáculo pirotécnico teñen a súa orixe no século XVII e débese ao papa Urbano VIII quen, en 1630, decidiu que Xacobe (Santiago)  fose recoñecido como o único patrón do Estado español. 

Esta celebración convoca, desde hai catro séculos, fieis e peregrinos diante da catedral compostelá na noite do 24 de xullo para ollar o lanzamento de foguetes e a queima dun castelo, pois así era no seu inicio o espectáculo pirotécnico.

As actas escuras

Desde que no ano 850 o bispo francés Gotescalco se convertera no primeiro peregrino a Compostela do que se tiña coñecemento, moitos foron os peregrinos e peregrinas que encheron o Camiño Francés e outros que se foron abrindo a través do tempo; pero os avatares históricos levaron a Compostela e á Galiza ao decaemento na fin da Idade Media e boa parte da Idade Moderna, polo que, na escuridade, foise esquecendo mesmo o lugar onde se atopaban as reliquias do santo cristián. Até que, no século XIX, o cardeal Payá 

Comentarios