xoves 02.07.2020

'A festa somos nós', o A FONDO do Sermos no que baila a paixón e o talento

Do torreiro da aldea ao macro-festival urbano. Neste pequeno país sabemos ben como armar a festa. Para dar, tomar e mesmo regalar. Música, encontro, talento, emoción. Os complexos? Mandámolos a por tabaco, e que non volvan

'A festa somos nós', o A FONDO do Sermos no que baila a paixón e o talento

Galiza. Superficie: 29.500 quilómetros cadrados. Habitantes: perto de dous millóns oitocentos mil. Festas: incontábeis e tendente ao infinito. Este país éche o que ten: tanta aldea, tanta parroquia, tanto barrio... todas tribus que queren a súa festa.

Neste Sermos o A Fondo é 'A festa somos nós', coordinado polo festeiro maior do Vello Reino de Galiza, Xurxo Souto. Unha viaxe polo torreiro dos seráns, o campo da festa da aldea, o macrofestival. Aquí, o que se aburre é porque quere.

Un A Fondo que comeza con 'Do Apolínea e o Dionisíaco'. Xurxo Souto a falar do mundo das formas e a paixón que combaten nas festas. E no Revenidas de Vilaxoán entrevista a Cao de Mos, o superdotado da festa, o home que nunca falta.

Alfonso Blanco, da asociación Xérmolos, fálanos de Pardiñas, “tradición e modernidade”. E Carlos Alonso, xestor sociocultural de Valadares, escribe de Monte Alba. E o poeta X.H. Ribadulla Corcón cóntanos das festas de Muxía.

A acordeonista e cantante do Sonoro Maxín, Cristina Asenjo, fala de Alongos, , a parroquia onde cada mes había unha festa, e todas coa súa música, papatoria, foguetes...

E para acabar, 'Finita Gay'. Quen? Pois iso, 'Finita Gay'. “Como empresaria son durisima, como artista son marabillosa”

comentarios