Unha festa rural “Por Parroquias” para festexar o XX aniversario do nacemento do Bravú en Chantada

Nas parroquias chantadinas de Viana e Garabelos festexarase en setembro o vinte aniversario da fundacion do Bravú na que será a primeira edición da festa rural “Por parroquias”. A Asociación Cultural Liviao de Marrao conmemora a cea na que se redactou o “Manifesto de Viana” o vindeiro 13 de setembro. 

Liviao de Marrao
photo_camera Liviao de Marrao

Será unha festa “100% rural” e terá como escenarios privilexiados as parroquias de Viana e Garabelos. A Asociación Cultural  Liviao de Marrao diríxese ao mesmo berce do Bravú para conmemorar o vinte aniversario da súa fundación na Tasca do Caballero na que, nunha noite de 1994 foi asinado o Manifesto de Viana, documento fundacional do movemento. 

“Por parroquias” quere ser un “espazo de dignificación da nosa cultura e da contorna rural galega, onde a música, a poesía, o cinema e as artes en xeral se fusionan, onde a fronteira entre vangarda e tradición desaparece”. Chantada, concello no que, ao abeiro dunha das primeiras edicións do Castañazo naceu o bravú, será o espazo escollido para rememorar o primeiro encontro no que se acuñaría o termo de maior fortuna para o rock galego de orixe rural. 

A cita está marcada para o 13 de setembro e a convocatoria quere agrupar a figuras da cultura galega de todos os ámbitos, da literatura á música pasando polas artes plásticas. Dous son os espazos escollidos para a conmemoración, a parroquia de Viana, na que na Tasca do Caballero se redactou o manifesto fundacional nunha cea co cocido como prato estrela e a de Garabelos, onde se abriu o Cinema Palleiriso. Liviao de Marrao conta coa colaboración de entidades culturais e asociacións de veciños do rural e con protagonistas do movemento bravú como Xurxo Souto, Manuel Rivas, Jaureguizar ou Xavier Valiño.

Xuntanza e placa na Tasca do Caballero 

Se hai vinte anos, a Tasca do Caballero acolleu aquela cea fundacional promovida por Rastreros, agora, no día 13, un xantar buscará volver reunir aos grupos e outras persoas convidadas para rememorar aquel feliz encontro no que se deu carta fundacional a un rock “tan noso... sen capar”, como di o manifesto da xornada. A parroquia de Viana será o escenario da “sesión vermouth” que se iniciará por volta das 11 horas con pasarrúas e poesía para despois deixar pegada imorrente da xornada cunha placa na Tasca do Caballero, da autoría do escultor Primitivo Lareu, que foi membro do grupo “Rozando nos toxos”. A seguir, a comida terá lugar na propia tasca que pasou xa á historia da música galega do século XX. 

“Sesta? Quen a dera” é o título co que, sen parada, continuará a xornada na parroquia de Garabelos no cinema Palleiriso no que se instalará a exposición sobre o bravú. Palestras, proxección de curtas, videoclips ou documentais completarán o programa de tarde, antes de volver a Viana para a pancetada popular, o concurso de Xuramentos, concertos e picadiscos cos que rematará a xornada máis brava en Chantada. 

Comentarios