Arzúa prepárase para a Festa do Queixo, cuxa pregoeira será este ano Susana Rodríguez Gacio

O Concello presenta as actividades que conformarán a 47ª edición.
José Luís García, alcalde de Arzúa, e Aurora Varela, concelleira de Cultura, na presentación do evento (Foto: Concello de Arzúa).
photo_camera José Luís García, alcalde de Arzúa, e Aurora Varela, concelleira de Cultura, na presentación do evento (Foto: Concello de Arzúa).

O Concello de Arzúa vén de presentar as actividades que conformarán a 47ª edición da Festa do Queixo, que este ano decorrerá os días 4, 5 e 6 de marzo. Na rolda de prensa de presentación do evento, o alcalde do municipio, José Luís García, fixo unha revisión do traballo realizado para a preparación da festa e as "dificultades" atopadas este ano por mor da pandemia.

Aliás, explicou todas as novidades desta edición, presentada nun acto que tivo lugar na queixaría Verbas co obxectivo de "dar visibilización á reivindicación do rural". Este ano, afirmou, haberá 56 queixarías das que cinco son novas —de Lugo, Ourense, Zamora e dúas de Badaxoz—.

"Empezamos moitos meses antes [a preparación da festa] e fomos variando a mesma, case cada mes por mor da pandemia. Propuxéronse distintas versións até chegar a esta. Sobre todo será unha festa segura; serán tres días con seis concertos vermú e queixo maquetón", dixo García.

Para acceder ás diferentes actividades precisarase dunha entrada obtida previamente, mais o acceso será gratuíto con control de capacidade á entrada e a saída, e non haberá barras no interior. Aliás, as persoas asistentes estarán divididas en dúas parcelas de 500 persoas cada unha.

A pregoeira deste ano será a atleta Susana Rodríguez Gacio, catro veces campioa do mundo e ouro nos Xogos Paralímpicos de Toquio 2021. "A súa elección non só foi polos premios, campionatos e medallas, senón sobre todo polos valores humanos de esforzo e superación que representa", apuntou o rexedor.

Actividades

O sábado estará Sr. Salvaxe, "xusto despois do pregón para aforrar entradas e saídas de xente". A continuación virá Mar Seguí, cantante mallorquina, "para incorporar idades adolescentes que quedaban un pouco alleas", e Zahara presentará o seu disco para "recalcar mensaxes en torno ao Día da muller".

"O domingo non van a estar as Tanxugueiras, son fan das Tanxugueiras, pero hai vida despois delas e hai razóns: estiveron xa en setembro en Arzúa e agora están até arriba de concertos", apuntou o alcalde, que prometeu que participarán en edicións posteriores. E á desta ano acudirán dúas cantantes que nunca estiveran en Arzúa, Ailá e Guadi Galego.

Aliás, haberá catas comentadas de queixo DOP Arzúa-Ulloa, unha exposición dos cartaces da última década da festa, un concurso de tapas petiscos e un certame de escritura rápida, 'ArzúaXpress', así como animación nas rúas e o festival para a cativada 'Pequequeixo'.

Por último, o alcalde quixo facer unha mención especial aos 'Arzuáns do ano'. "Serán seis e tres moi especiais,
por seren colectivos tan relacionados con esta pandemia", dixo. Así, os premiados deste ano son os nenos e nenas do municipio, o persoal sanitario do centro de saúde, a residencia de maiores San José, Carla Carrón —nadadora campioa estatal en 800 metros libres—, Diego Quintela —xogador do Pescados Rubén Burela FS— e Xosé Zapata —premio Goya á mellor curta de animación—.

Comentarios