Festa na terra de Otero Pedrayo: Antía Cal recibe o premio Trasalba

A pedagoga leva o galardón como agradecemento á renovación e o labor galeguizador que emprendeu nos anos que estivo á fronte do colexio que fundou ela propia, o Rosalía Castro, en Vigo
photo_camera Imaxe: Galaxia

Renovación pedagóxica e labor galeguizador son os dous ámbitos da traxectoria de Antía Cal que a Fundación Otero Pedrayo valorou á hora de lle outorgar o Premio Trasalba que lle será entregado este domingo polo seu labor á fronte do Colexio Rosalía Castro, en Vigo.

Filla da emigración --naceu na Habana--, Antía Cal regresou a Galiza onde desenvolveu a súa formación e fundou en 1961 o colexio Rosalía de Castro, centro en que aplicou as ideas pedagóxicas renovadoras, en especial, as teorías do colectivo Rosa Sensata de Marta Mata. O Rosalía de Castro caracterizouse tamén no tardofranquismo polo seu traballo normalizador na nosa lingua e o achegamento do alumnado ás figuras da nosa cultura e a nosa historia.

No Rosalía de Castro cada aula levaba o nome dun persoeiro galego, de Eduardo Pondal a Castelao pasando polo mesmo Alexandre Bóveda, nos tempos en que a rixidez e a españolización do ensino franquista aínda imperaban. Casada co oftalmólogo e investigador Antón Beiras, galeguista de esquerdas, Antía Cal relata a súa vida no libro Ese camiño que andamos xuntos.

Comentarios