A Festa dos Libros de Pontevedra fecha as súas portas

Tras unha intensa fin de semana, durante este último día, a carpa da praza da Ferraría permanecerá aberta en horario de 11 a 14 e de 18 a 22 horas.
Un fluxo constante de visitantes achegouse á carpa instalada na Ferraría, atraídas pola oferta literaria e polo ambiente festivo.
photo_camera Un fluxo constante de visitantes achegouse á carpa instalada na Ferraría, atraídas pola oferta literaria e polo ambiente festivo.

A Festa dos Libros de Pontevedra conclúe este domingo 7 a súa sétima edición cun balance sumamente positivo, consolidándose como un evento cultural destacado na programación estival da cidade. Un ano máis superáronse todas as expectativas, tanto no volume de vendas, como na afluencia de público, así como na participación dos autores e autoras convidadas e a colaboración dos libreiros e libreiras participantes.

Nestes días de actividade, a carpa da Ferraría converteuse nun espazo vibrante e acolledor, onde se celebraron numerosas actividades e se ofreceu unha ampla selección de libros que capturaron a atención de visitantes de todas as idades, convidándolles a gozar da lectura.

Tras unha intensa fin de semana, durante este último día, a carpa da praza da Ferraría permanecerá aberta en horario de 11 a 14 e de 18 a 22 horas. O programa de actividades iniciarase ás 11.30 horas, coa presentación musical de Son animal (Kalandraka), un novo libro-disco de Paco Nogueiras dedicado aos animais máis próximos e aos seus sons convertidos en divertidísimas cancións para cantar e bailar a calquera idade. Nogueiras estará acompañado polo ilustrador do libro, Marc Taeger.

A continuación, terá lugar ás 12.30 horas un debate literario arredor de Luísa Villalta, a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Moderado pola escritora e investigadora Tamara Andrés, participarán Montse Pena e Mercedes Queixas [Un ruido provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta], Montse Dopico (Luísa Villalta. Abonda con vivir) e Xurxo Souto (Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta).

 

Quedadas

Fóra do escenario, organizado pola Librería Cao, celebrarase de 11.30 a 14 horas unha quedada de Urban Sketchers, unha comunidade global de debuxantes dedicados á práctica do debuxo na localización onde se atopan, que comparten o seu amor polos lugares onde residen e aos que viaxan.

Asemade, de 12 a 13.30 horas levarase a cabo un Cafeciño & Draw para pasar un bo momento tomando un café e debuxando xunto coas ilustradoras Nuria Díaz, Mariña Rey Noya e Laura Tova. As persoas que se animen a achegarse poderán tomar un café e debuxar mentres responden ás propostas creativas lanzadas pola ilustradora e libreira Alba Blanco. Limitado a 20 persoas, o punto de encontro é no posto da Librería Seijas, organizadora da actividade.

 

Cordeiros e largartixas

Xa pola tarde, ás 18.15 horas, levarase a cabo a presentación do último libro de Ledicia Costas, Pel de cordeiro. A escritora, coñecida por vender miles de exemplares en todo o mundo e ser unha das autoras galegas máis traducidas, falará desta nova novela, na que afonda no espertar sexual, na violencia e na maxia con grandes doses de fantasía. Esta obra conecta as vidas da bruxa Catalina e Lola, unha muller do século XXI, separadas por dous séculos de distancia, a través dunha apocalipse persoal que promete capturar a imaxinación dos lectores.

Unha hora despois, a mesma Ledicia Costas conversará coa escritora, crítica literaria e tradutora Cristina Sánchez-Andrade, galardoada en 2004 co prestixioso premio de literatura Sor Juana Inés de la Cruz da Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (México). Falarán sobre a súa primeira novela Las lagartijas huelen a hierba, publicada fai 25 anos que vén de ser agora reeditada por La Navaja Suíza.

A programación continuará ás 19.15 horas co encontro titulado A primeira vez, con tres autoras que, ou ben debutan na novela ou ben cambian de rexistro no eido literario: Laura Portas, autora de El baile de las mareas; Alba Guzmán Falcón, con Xoaniña de Deus e María Alonso Seisdedos, que presentará As Jermaine.

E como fin de festa, a música non pode faltar. Esta sexta edición da Festa dos Libros pecharase ás 21.15 horas coa actuación do trío Muzikanti Balishnik que encherá a Ferraría de músicas do leste de Europa.

 

Sinatura de exemplares

Finalmente, nos postos das librarías estarán asinando exemplares dos seus libros Eric Dopazo, Marita Muñiz, Marita Muñiz, Milena Martínez Basalo, Rober H.L. Cagiao, Guillermo García de la Riega Bellver, Marc Taeger, Rena Ortega, María Montes, Nuria Díaz, Ledicia Costas, Isabel Peleteiro, Berta Dávila e Carlos Meixide, Federico Limeres, Esther Domínguez, Miguel Conde-Lobato, Irasema Pino, Laura Tova, Alba Chan e Ene, Antón Riveiro Coello, Iria Aldegunde, Ignacio Hernández, Celestino Viéitez, María Sotelo, Mariña Rey Noya e Laura Portas.

Máis en CULTURA
Comentarios