A Festa dos Libros de Pontevedra ateiga a cidade de lecturas e música

O encontro conta cunha intensa programación pensada para todos os gustos e idades
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou na xornada inaugural os distintos postos das librarías.
photo_camera O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou na xornada inaugural os distintos postos das librarías.

O Concello de Pontevedra cualificou como un "rotundo éxito" a xornada inaugural da Festa dos Libros, que superou as expectativas tanto dos organizadores como das librarías participantes. Un fluxo constante de visitantes achegouse á carpa instalada na Ferraría, atraídas pola oferta literaria e polo ambiente festivo e acolledor deste evento cultural de referencia na cidade.

O programa continúa hoxe: a primeira actividade está destinada á cativada. Enrique Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, acompañados polo músico Antón Ke, desenvolverán o contacontos ilustrado Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta.

Da man da Libraría Paz, chegará ás 12.30 horas Enfiando lecturas, cita clásica na festa con catro autoras e autores pertencentes a diferentes disciplinas e xéneros literarios. Desta volta, enfiaranse as lecturas das obras de Afra Torrado (coa banda deseñada Fago o que podo), Branca Trigo (coa obra de poesía Trans0), Edu Lavandeira (co seu libro de divulgación Pan galego) e Marta Estévez (e a súa novela de personaxes O segredo das irmás Asorey).

A xornada vespertina iniciarase ás 18.15 horas cun faladoiro sobre a revolución dos Cravos, no seu 50º aniversario. A xornalista Tereixa Constenla presentará o seu libro Abril é un país, con José Alvés da Costa, o cabo que desobedeceu a orde de disparar contra o capitán Maia e as súas tropas, e polo coronel Xosé Fortes.

Ás 20.15 horas, Alberto Pombo presentará Verso e acorde; Antón Reixa falará sobre a súa Enciclopedia perplexidade, unha selección de 40 anos do seu universo poético-creativo; e a cantautora Silvia Penide fechará a xornada co concerto Música e letras para mirarnos no noso espello.

Sinatura de exemplares

Finalmente, nos postos das librarías estarán asinando exemplares dos seus libros Samuel Ferro, Isabel Peleteiro e José Manuel Solla, Sandra Acuña, Blanca Millán, Daniel Chapela, María Fanjul González, Elena Paz e Carlota Liz, Ana Seoane, Vicky Estévez, María Sotelo, Xosé-Henrique Costas, María Brenn, Yoly Mosteiro, Afra Torrado, Branca Trigo, Edu Lavandeira, Marta Estévez, Alba Chan e Ene, Perfecto Souto, Bea Gregores, Miguel Ángel Alonso Diz e Víctor Rivas, María Fanjul González, Gastón Caba, Silvia Salgado, Consuelo Vercher, Beto Luaces, Ramón Trigo, Nones Araújo, José Benito García, Lucía Cobo, JM Enríquez, Inma Soto, Fabio Rivas, Ana Sánchez Garea, Guillermo García de la Riega Bellver e Manuel Esteban

Comentarios