venres 25/09/20

Festa 'indie' do Cineclube compostelán con Emilio José e a estrea de Atrás Tigre

O Cineclube de Compostela celebra hoxe sábado a partir das 19:30 horas a súa Festa de XV Aniversario co primeiro filme de Woody Allen e a música de Emilio José e Os Indígenas, ademais da estrea de Atrás Tigre. 

Último traballo de Emilio José, 'Agricultura Livre'
Último traballo de Emilio José, 'Agricultura Livre'

A festa vai dar comezo ás 19:30 coa proxección do primeiro filme de Woody Allen: Que foi, Tiger Lily? Nesta fita, Allen colle un filme de espías xaponeses para dobralo ao seu xeito e convertilo na historia do axente secreto Phil Moscowitz, contratado polo Gran Exaltado Alto Maxá de Raspur para buscar unha valiosa receita de ensalada de ovos que foi roubada, nunha trama inzada de chistes visuais, xogos de palabras e todo tipo de brincadeiras.

As actuacións musicais ao vivo terán lugar a partir das 21:30, comezando coa agardada estrea en directo de Atrás Tigre, un proxecto pop nacido en Compostela no que conflúen as músicas e letras en galego de algúns nomes máis ligados á poesía, como Olalla Cociña ou Xiana Arias, que son o 50% da banda xunto con Pedro Carrasco e Carlín. 

A continuación, Emilio José -músico de cultor no indie patrio- presentará o seu novo disco Agricultura Livre (editado por Foenh Records), acompañado de Os Indígenas, banda formada por algúns membros de Os Amigos dos Músicos. Tamén actuará co DJ set Nistra, un dúo mariñao que emprega a tecnoloxía como ferramenta para experimentar coa ruptura de fronteiras entre xéneros. Para rematar a noite, DJ Chapaev. 

Festa 'indie' do Cineclube compostelán con Emilio José e a estrea de Atrás Tigre
comentarios