A festa do país revive na Coruña (o libro, veremos)

A Romaría de Santa Margarida remata a semana da música e do baile tradicional na Coruña, que gaña espazo, recoñecemento social e adeptos de todas as idades. Na cidade, gaiteiros e bailadores están máis presentes que nunca nas rúas mentres Radio Cos e Luar na Lubre axudan a manter viva a chama, un tanto apagada, do folk.     ​

Música tradicional na Coruña. Baile na Festa da fresa en Eirís
photo_camera Baile na Festa da Fresa, en Eirís

Rosa bota unha malagueña e conta como, cando moza, na aldea as mozas tascaban o liño e a noitiña subían a un alto para que desde todas as aldeas da contorna se escoitase a foliada e moceaban “e pasabámolo moi ben, moi ben”. Rosa é unha das cantareiras e pandeireteiras das Encrobas e canta e conta que é unha malagueña no patio de cemento diante do local social do Relámpago, diante de un cento de mozas e mozos papando churrasco e cervexa. As Pandeireteiras das Encrobas son as convidadas hoxe na foliada de cada cuarta feira en Elviña. É un día especial porque David Fontán e tres compañeiros, Olaia, Raquel e Álex, presentan hoxe Punto e Volta, un proxecto de xornalistas que deu nunha web na que a través de entrevistas e vídeos queren “entender como vive a xente de diferentes idades a música tradicional, como vai mudando a transmisión e como se adapta aos tempos e cal vén sendo a súa función social hoxe en día”. A familia de Fontán é das Encrobas, mais el vive na Coruña. Na cidade hai rebumbio de foliadas estes días. Na terza feira foi a festa da fresa en Eirís, cos rapazas e rapaces de Son d’aquí animando o baile. Onte na Cova Céltica proxectouse o documental DefolXXI, de David Ramos, sobre gaiteiras e gaiteiros. E logo foliada. Hoxe mesmo na Repichoca, outro espazo con programación estábel, haberá outra despois dun coloquio sobre a música e o baile tradicional.

“A música tradicional é a de antes”, explican Olaia Tubío e Álex Gándara, “a que se facía aquí no país antes da televisión e antes da globalización. Non somos etnógrafos, pero gustaríanos pór en cuestión ese purismo de que a música tradicional é a que vén do rural e falar de como a transmisión condiciona, por exemplo, os roles de xénero. Hai que separar tradición e pureza”. En Punto e Volta, están as Pandeireteiras das Encrobas “que crean comunidade a partir da música”; e Chus Caramés e Carme Campo, bailadoras e mestras , autoras de Andar cos tempos, un traballo que afonda sobre o xénero na tradición; están Xulia, ela si etnomusicóloga, e Guillerme, compilador; ou Teresa dos Cucos, Basilisa e Jesús, “músicos e informantes” de Malpica.

Música tradicional na Coruña. Álex e Olaia, de Punto e Volta“O documental é do 2011”, conta David Ramos, director e guionista de DefolXXI, “pero pedíronme botalo de novo e facerlle unha homenaxe a Antón Varela, gaiteiro coruñés que faleceu hai pouco”. Conta que empezou a facelo porque daquela non había nada, a parte das gravacións do Alalá (TVG), sobre a gaita. No filme aparecen gaiteiros tradicionais, gaiteiras e gaiteiros folk e aprendices de entre 8 e 75 anos. “O momento da música tradicional é excelente, houbo un rexurdimento brutal, temos un montón de xente aprendendo, hai máis e mellores gaiteiras e gaiteiros que nunca, e iso axudará nos próximos anos a revitalizar a música folk, un chisco afundida”.

A música e o baile vivirán a súa gran festa esta fin de semana na Romaría de Santa Margarida, onde o folk (Radio Cos e Luar na Lubre) porá o ramo a noitiña. A romaría recuperouse para a tradición o ano pasado a través do programa Ardelleoeixo construído en torno a tres agrupacións tradicionais Xacarandaina (a veterana), Donaire e Son d’aquí. “Durante o franquismo, as agrupacións culturais mantiveron a tradición, pero tamén a transmitiron dun xeito determinado: fixando unha norma nos traxes e na coreografía, limitando a música aos escenarios, afastándoa da festa. Estaban dirixidas pola Sección Femenina como parte dunha folclorización da cultura galega”, explica Olaia. Ardelleoeixo, co apoio do Concello, marcou un fito a finais do 2015 cunha foliada no Campo da Leña. De súpeto, a música tradicional reviviu na cidade. 

Música tradicional na Coruña. Antonio Prado, de DonaireAntonio Prado ten 26 anos e é vicepresidente de Donaire, unha asociación que naceu hai pouco máis de tres lustros. “Nos últimos tres anos notouse un aumento da xente que quere aprender a bailar ou a tocar. Antes a ensinanza desembocaba nos escenarios. Hoxe tamén se aprende para ir de festa”. Donaire fai un labor completo: ten compiladores, mestres e dez grupos artísticos de diferentes idades. Este sábado participará nos obradoiros de baile na praza de Vigo, nos obradoiros de música na praza de Galiza (onde estarán Xela Conde, Suso Vaamonde e Davide Salvado), e nos de nenas e nenos na praza de Lugo.  

“Eu penso que perdemos a  vergoña do noso”, di María Barbeito, presidenta das Pandeireteiras das Encrobas antes de comezar a foliada en Elviña. Son 70 mulleres na asociación e case vinte empezaron “desde cero” a tocar a pandeireta. María Prado, a seu lado, conta como desde hai uns anos organizan alá un festival de música e cada nova edición lle choven as peticións para ir tocar. “Este abril xuntamos dezaoito grupos. Si penso que a xente foi perdendo a vergoña. Nós imos a onde nos convidan, desde o Luar até Vilagarcía”. 

Olaia e Álex repasan a listaxe de foliadas na cidade e advirten que o que aconteceu na Coruña pasou tamén en Compostela, en Ferrol, e que no rural, “non tanto”, pero houbo e hai foliadas “míticas” como Cabaleiros, ou o Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz), falan das foliadas como ferramentas de valorización social do noso e para crear vínculos de comunidade. Din que hai xente que empezou a cantar con oitenta anos, algunhas tiñan a experiencia esquecida, ou contan do grupo da Pontraga (Tordoia), “rapazas e rapaces de quince anos” que bailan rompendo os roles de xénero, que eses roles tampouco estaban fixados na tradición como documentaron as autoras de Andar cos tempos.

Pandeireteiras das Encrobas en Elviña. Rosa, primeira pola esquerda, e María Pardo no centroDavid Ramos, o director, espera que “todas esas rapazas e rapaces que están empezando a gozar coa música tradicional sexan os que revitalicen o folk de aquí a uns anos”. “Nunca tivemos tan boa canteira”, subliña.

O libro cen por cen galego na romaría

Pasa no libro, tamén. Boa canteira, pouca visibilidade. “Pode que nós non teñamos perdido a vergoña do noso”, reflexiona Emma Pedreira, escritora e animadora de Libros a Monte, a feira dento da festa. Na Romaría de Santa Margarida, o libro galego na Coruña viu unha oportunidade de se reivindicar despois da desfeita da pasada Feira do Libro. “Pode que a música si consiga atraer moito público, por espontánea, inmediata. A nós, á literatura, quédanos moito por facer para chegar á xente a través da oralidade, espontánea, inmediata”. 

Emma Pedreira, as libreiras, as escritoras e escritores noveis, buscarán refuxio e público desde os arcos da Casa das Ciencias o domingo, mañá e tarde, na romaría. Libros a Monte é unha iniciativa de escritoras e escritores da cidade que queren demostrar que, coma na música, pode haber feiras do libro “cento por cento en galego”. E que ademais da gastronomía, dos xogos e da música, na festa ten que haber sitio para o libro porque na Feira oficial houbo pouco. Así que, perdendo a vergoña, o libro procura o acubillo da música e, se cadra, revivir (ou empezar a vivir) tascando o liño na rúa. 

As fotos inseridas no meio do texto, todas da autoría de E.D., son: (1). Álex e Olaia, de Punto e Volta; (2). Antonio Prado, de Donaire; (3). Pandereiteiras das Encrobas en Elviña. Rosa, a primeira pola esquerda, e María Pardo, no centro.

Comentarios