Ferve Ortigueira coa música celta

Miles de persoas ateigan a vila para gozar do mítico festival, que na noite deste sábado ten unha cita de luxo cos escoceses Shooglenifty.

ortigueira intre actuaciónStolen Notes
photo_camera Actuación de Stolen Notes

Ortigueira é moita Ortigueira. Unha das citas imprescindíbeis a nivel internacional para as e os amantes da música folk de raíz celta nas súas diferentes vertentes, desde a máis tradicional até as novas reinterpretacións e lecturas. Nesta última enmárcanse uns veteranos, os escoceses Shooglinifty, ben coñecidos na Galiza e bos coñecedores eles do noso país, que son uns dos protagonistas da noite do cartaz para este sábado.

Miles de persoas viven, gozan e conviven nesta vila do norte galego que leva tres días fervendo co bo lume da música celta. Gwendal (Bretaña), Moving Hearts (Irlanda), Shooglinifty (Escocia) ou Tanxugueiras (Galiza) son algúns nomes claves desta cita que vai máis aló do musical. Non por acaso o lema do encontro deste ano é Oito nacións, unha cultura.

O sábado, para alén de Shooglenifty, poderase gozar cos polacos Beltaine, os bretóns Bagad Kerlenn Pondi, a compañía de danza irlandesa Dominic Graham School e os ingleses Flook pasarán polo palco esa mesma noite.

O domingo 14 de xullo será a xornada galega por excelencia. O Fiadeiro, Tanxugueiras, Leilía e a Andrés Penabad Band subirán ás táboas e pecharán o festival na Noite de Galicia.

Mais o programa de Ortigueira, un festival que naceu en 1978, non se reduce ao escenario principal -onde os concertos comezan ás dez da noite. Durante os catro días hai desfiles de rúa, concertos en bares e prazas da vila, actuacións dos proxectos gañadores no concurso Runas e obradoiros de baile ou fotografía

Comentarios