O ferrolán Roger Arias levou as súas cancións ao festival inglés en honra de William Blake

A poesía de William Blake (Londres, 1757-1827), rebelde e visionaria, excepcionalmente singular, coñeceu sempre certa fortuna musical. Adaptacións a todo estilo sucedéronse ao longo dos anos. As do ferrolán Roger Arias, axustado folk ácido, viaxaron esta fin de semana ao Glastonbury Blake Festival, en Inglaterra.
Roger & Amparo 2
photo_camera Os ferroláns Roger e Amparo Arias, Strange Mystery Flower. Foto: cedida.

William Blake  Music Poster  2019Arias, que como Roger de Flor publicou cinco variados discos a medio camiño entre o pop folk e a gran canción americana, camuflou o seu novo proxecto baixo o nome de Strange Mystery Flower. Acompañado da voz melódica de Amparo Arias -a súa irmá-, e instrumentistas como Íñigo Azurmendi (contrabaixo), Raúl Diz (órgano) e Macarena Montesinos (chelo), propoñen lecturas por intres case psicodélicas, acústicas, de poemas como Spring [Primavera], Song First by a Shepherd [Canción Primeira para un Pastor], Miss Gittippin's Second Song [Segunda Canción para dona Gittippin] e Night [Noite], todas dispoñíbeis na súa conta de bandcamp.

Strange Mystery Flower sing William Blake titúlase o disco co que asistiron á celebración da vida e obra do poeta -tamén pintor e gravador de universos particulares- en Glastonbury. Alí compartiron cartel con Michael Law, Marty Radcliffe ou Nathan Lewis Williams.

Antes de se adentrar nos mundos de William Blake, Roger Arias, Roger de Flor, facturara traballos como Roger de Flor presenta a: Os Silvestres (2013), un bonito tratado de folk do cotián e enaltecemento das pequenas cousas. Naturalidad silvestre (2009), El mundo está loco, loco, loco... (2011) e Apelón (2015) completan, con cancións en galego, castelán, inglés e mesmo italiano, a súa discografía.

Comentarios